jueves. 21.11.2024

A nova directiva da Civitas Limicorum, encabezada por Marcos Argibay vén de convocar a súa primeira asemblea de socios. Será o venres 13 de maio, e trataranse cuestións relacionadas coa organización da Festa do Esquecemento deste ano. “Que levamos feito e que queremos facer”, di o primeiro punto da convocatoria, feita pública este mércores. 


Nada máis acceder ao cargo, Marcos Argibay xa manifestara a súa intención de pechar as subvencións do Concello e da Deputación. A reunión co goberno local xa se produciu. O presidente informará das xestións nesta asemblea.


Tamén se establecerá a convocatoria de actores para os teatros do Esquecemento, a posibilidade de organizar un obradoiro de coiro e se actualizará o cobro das cotas das socias e dos socios. 


“Esta edición queremos facer menos reunións presenciais que en anos anteriores. Para que isto funcione precisamos que asista, como mínimo, un membro de cada grupo o venres día 13 de maio e así ir tendo unha estimación de cantos castrexos e romanos queren conservar a súa praza”, informa o comunicado da directiva.


Que quere elaborar unha listaxe de participantes “en condicións”, e crear listas de difusión “por email e whatsapp que faciliten que cada asociado estea sempre ao tanto das novidades e prazos relevantes da Asociación e da  Festa”, engade.


A directiva fai un chamamento tamén ás persoas interesadas en participar na Festa do Esquecemento ou formar parte da Asociación Cultural Civitas Limicorum “aínda que nunca o fixeran”.

NOTICIAS A LIMIA | A nova directiva da Civitas Limicorum convoca a súa primeira asemblea