Nun comunicado de prensa difundido esta madrugada, a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova informa de que serán presentadas “máis de 1.000 alegacións” contra o proxecto de polígono eólico Lamas de Feás, que consiste en 7 aeroxeradores de 200 metros de altura entre as cimas da Aguioncha e Pena Loba.
“Greenalia e o alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia, compareceron onte, a tres días do remate da exposición pública, para intentar levar aos comuneiros a negociación coa empresa”, denuncia a plataforma.
E engade: “Aquilino Valencia, recorreu á dous técnicos de Greenalia que se presentaron como autores do proxecto, e a dous técnicos, Alfonso Braña e Alfonso Grande, avogado, que se presentaron como expertos independentes”.
Segundo Stop Eólicos: “Foron Alfonso Braña e Alfonso Grande quen máis insistiron na negociación, obviando os impactos medio ambientais, patrimoniais, paisaxísticos, para a saúde humana e para as economías das familias que terían os 7 aeroxeradores”.
A plataforma, que xa se opuxo a proxectos de centrais eólicas en San Martiño e ás LAT do Xurés e do Larouco, apoiando o movemento veciñal en Baltar, afirma que durante a reunión: “O alcalde negouse a adoptar unha postura como Concello a favor ou encontra dos eólicos e intentou ridiculizar o contido das alegacións presentadas pola veciñanza”. “As alegacións que elaborou esta plataforma, que son as únicas que até hoxe se presentaron contra o proxecto”, sostén Stop Eólicos.
A alcaldesa de Bande, Sandra Quintás, convocou comuneiros afectados polo proxecto de Greenalia no Monte Grande a unha reunión coa empresa pasado mañá xoves, informa a plataforma, que tamén dá conta de dúas reunións entre empresas eólicas e veciñanza impulsadas polo alcalde nacionalista de Verea, José Antonio Pérez Valado, nas últimas semanas.