jueves. 21.11.2024

“Convócase a todos os afectados polo Proxecto Industrial Parque Eólicos Lamas de Feás e a Liña de Evacuación Lamas-Fontesanta para que poidan asistir á reunión, o luns 30 de maio ás 19:00 horas”, anuncia un bando municipal publicado este mércores polo Concello de Calvos de Randín e asinado polo alcalde, Aquilino Valencia (PSOE).

No bando infórmase de que asistirán técnicos de Greenalia Wind Power, un avogado “especializado no tema”, un enxeñeiro e “outro persoal técnico na materia”. E engádese que na reunión responderán “a cantas dúbidas e preguntas lle queiran facer”.

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova leva rexistradas esta semana máis de 500 alegacións ao proxecto nos concellos directamente afectados polo proxecto Lamas de Feás (Calvos de Randín, Baltar e Os Blancos), tamén no concello de Porqueira, onde a alcaldesa se opón á Liña de Alta Tensión, e nos rexistros municipais de Xinzo e Celanova.

O prazo para presentar alegacións ao PE Lamas de Feás remata o próximo 2 de xuño, é dicir, tres días despois de que Greenalia compareza en Calvos. A empresa presentou unha documentación de máis de 3.000 folios, e foron os colectivos ecoloxistas, entre eles, Petón do Lobo quen elaboraron as alegacións que xa rexistrou a plataforma. 

O prazo para presentar alegacións ao PE Lamas de Feás remata o próximo 2 de xuño, é dicir, tres días despois de que Greenalia compareza en Calvos.

Despois de varias reunións, a comunidade de montes de Feás, a máis importante da zona, mostrou o seu rexeitamento á instalación do polígono. Tamén hai oposición veciñal en Lobás e Padroso, ambas en Calvos de Randín, onde as comunidades discuten o asunto. En Baltar e nos Blancos tamén hai oposición veciñal, segundo reflicten as alegacións rexistradas por veciñas de ambos concellos a través da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova.

“E os gobernos, lonxe de defender á sociedade desta nova agresión social e ambiental, alíanse coas grandes enerxéticas excedendo os límites da tolerancia democrática”, din as plataformas nun manifesto para a convocatoria dunha protesta galega o 5 de xuño en Compostela.

Este mesmo mércores, foi convocada en Compostela unha manifestación para o próximo 5 de xuño, domingo, contra a invasión eólica. Baixo o lema Temos Alternativa! a Coordinadora Eólica Así Non, da que fai parte Stop Eólicos Xurés Celanova xunto con outras 180 entidades volverá pedir unha moratoria eólica en todo o país e a revisión do Plan Sectorial Eólico.

No manifesto que acompaña á convocatoria pódese ler: “E os gobernos, lonxe de defender á sociedade desta nova agresión social e ambiental, alíanse coas grandes enerxéticas excedendo os límites da tolerancia democrática. Néganse a someter a procedementos participativos e  transparentes a planificación enerxética do país e modifican a normativa arbitrariamente para facilitar a depredación dos recursos de todas. Ao tempo, eliminan ou reducen garantías ambientais, xurídicas e de participación social no deseño e control das políticas públicas. En definitiva, estannos a arrebatar dereitos! Estanse a autorizar proxectos eólicos ilegais, tal e como o están a verificar os Tribunais de Xustiza”. 

NOTICIAS A LIMIA | Greenalia reunirase en Calvos cos afectados polos eólicos a 3 días...