jueves. 21.11.2024

A Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) declarou o día 8 de xullo a alerta por seca na conca do Miño, adiantando a alerta un mes a respecto de anos anteriores. As temperaturas máximas na chaira da Limia mantéñense por riba dos 30 graos desde o pasado día 7, xoves; e a previsión é que continúen así até a fin de semana. A combinación da seca coas altas temperaturas é letal para a pataca neste momento do cultivo, advirte Servando Álvarez, responsábel do Centro Agrogandeiro do Inorde en Xinzo de Limia.


A alerta por seca non trouxo consigo restricións. A CHMS limitouse a emitir as recomendacións habituais apelando a boa vontade das usuarias e usuarios. “Aumentará a vixilancia para impedir determinadas prácticas”, indica Servando Álvarez. “Vixiar non é o mesmo que prohibir, as restricións son cousa seria”.


A seca é unha circunstancia habitual nos últimos lustros. A auga é un ben escaso na Limia como en todo o sur da provincia. Estamos en Galicia, si, repite Álvarez a calquera que visite o centro; pero non chove o mesmo en todo o país. No sur a auga constitúe xa un problema. “E, na Limia, cando aparecen, como estes días, as altas temperaturas, e máis nun momento do ciclo da pataca como o actual, as consecuencias son tremendas”, di Álvarez. “Nunha semana como esta, con máximas moi por riba dos 30 graos, se non se lle aporta auga, a produción pode caer nun 20%. Na variedade agria a situación é esa”.


A pataca pide alternancia térmica, días cálidos e noites frescas, explica o experto, sobre todo no período no que se forma o tubérculo. Cando as temperaturas teñen picos de 30 ou 32 graos, a planta frea o crecemento. Detén o ciclo vexetativo para aforrar auga e sobrevivir. En semanas como esta, a pataca está viva, pero non crea tubérculo. “Digamos que non se moveu. Cando volvan caer as temperaturas, a variedade agria, a maioritaria na comarca, en vez de engordar os tubérculos que ten, creará novos tubérculos. En vez de oito ou nove, aparecerán vinte ou trinta, pero moito máis pequenos”.


“A única maneira de combater esta situación é refrescar o terreo. E como se fai iso? Con auga. Se non a tes...”. A preocupación no sector vai en aumento. Coa seca vaise aprendendo a convivir. Onde non hai comunidades de regantes, como na Lagoa, é máis difícil. Unha das solucións é regar de noite. Regar polo día, con altas temperaturas, é perder parte da auga.  

O rego por goteo (regar máis veces, usando menos auga) é unha alternativa eficiente e que gaña terreo. 


A calor é o gran problema. “Hai auga para xullo”, asegura Álvarez, “pero en agosto, como non chova... E non serve de nada regar agora, porque regar demais tamén pode ocasionar enfermidades”. Así que no campo van día a día. O ideal sería regar máis veces gastando menos auga. Pero esa práctica é inviábel para moitas explotacións, polas dimensións e os recursos. 


As patacas, explica o experto, son “como un aspersor” que recollen a auga que topan e bótana a atmosfera a través das follas. E canta máis temperatura, máis auga bota e máis auga precisa. “É complicado facer algo, auga hai a que hai, parece ser que o plan de regadío vai para adiante, si... pero é que non se pode levar a cabo unha agricultura moderna sen auga de rego”, opina Álvarez.  


O rego por goteo (regar máis veces, usando menos auga) é unha alternativa eficiente e que gaña terreo. Mais ten as súas desvantaxes. Os residuos plásticos, que teñen unha xestión moi cara. Unha planta de tratamento na Limia axudaría superar parte desta desvantaxe.
 

NOTICIAS A LIMIA | Unha semana de ola de calor, 20% menos de produción na pataca