“A Consellería do Medio Rural formará á totalidade dos técnicos e responsables das distintas oficinas agrarias comarcais da nosa Comunidade sobre a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia”, informou este luns o departamento que dirixe José González.
A consellería engade na nota de prensa que o encargado de impartir esta formación será o subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Alejandro Sánchez de Dios.
Durante xuño e xullo, o subdirector impartirá “un conxunto de cursos de marcado carácter práctico sobre as características e a aplicación da Lei de recuperación nas catro capitais de provincia”. A formación, que arrinca mañá en Pontevedra e finaliza o vindeiro 6 de xullo en Lugo, será de 10 horas totais, repartida en dúas xornadas, indica a consellería.
A rede ten 68 oficinas agrarias comarcais repartidas por todo o territorio galego, nas que traballan “preto de 500 persoas”. Segundo a Xunta, “estas entidades, ademais de ofrecer información e asesoramento aos cidadáns, xestionan os diferentes trámites que os veciños do rural fan diante da Administración”.
A Xunta pretende recuperar o papel destas oficinas como axentes de extensión agraria e de asesoramento público. Ademais de implantar unha lei que entre os seus obxectivo ten o de “avanzar na recuperación da actividade económica e social dos terreos en situación de abandono”.