A Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia debutou no primeiro día da feira da alimentación máis importante do Estado cunha degustación este luns pola tarde, o primeiro día do evento, da man do chef lucense Álvaro Villasante. A pataca galega, unha indicación de calidade da cal máis do 80% do produto controlado cultívase na Limia, foi a protagonista das maridaxes con produtos das indicacións Queixo de Tetilla, Lacón Galego, Castaña de Galicia e os viños da D.O. Monterrei.
Alimentaria, o Salón Internacional de Alimentación, Bebidas e Food Service, regresa despois de catro anos e inclúe outro evento promocional, Hostelco, onde teñen cabida empresas do sector hoteleiro. O país convidado de honra é Turquía, que dispuxo un espazo de mil metros cadrados. Hai case 3.000 expositores nesta edición. Entre eles, varias comunidades autónomas, na sección Lands of Spain.
Galicia está entre as que presentan unha oferta máis abondosa. Ademais do expositor da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), onde se xuntan as IXP, teñen presencia cos seus propios stands compañías como Calvo, Aceites Abril e Estrella Galicia.
“Eu creo que houbo unha importante afluencia de público, diría que similar a antes da pandemia”, explica Xosé Chao, o técnico da IXP da Pataca, responsábel hoxe en Barcelona de presentar a degustación.
Ao evento, dentro do programa de AGACAL, asistiron unhas vinte persoas convidadas, “profesionais que participan na feira”. Fixéronse varias elaboracións por parte do cociñeiro Álvaro Villasante.
Natural de Palas de Rei (Lugo), Álvaro Villasante traballou con chefs como Sergi Arola, Ángel Palacios, Gonzalo Tamames, Ramón Freixa e Óscar Sabate, antes de abrir o seu propio restaurante en Lugo, o Paprica, no ano 2007.
Mañá, ás 16.00, terá lugar unha nova degustación de produtos da IXP Pataca de Galicia en Alimentaria.