“Presentarémolas, e dentro do prazo”, manifestou ao Diario do Limia o alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia (PSOE). “As alegacións están preparadas, son 19 follas, e xa as estamos enviando por correo electrónico a xente que vive fóra e nolas pediu”, di a alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez (PP), que a fin de semana ten a intención de convocar asembleas en varios núcleos e recoller sinaturas contra o proxecto de Liña de Alta Tensión de Greenalia.
O primeiro tramo da LAT de Greenalia partiría da subestación do proxecto Lamas de Feás e situaría 35 torres nun percorrido de 6,5 quilómetros en territorio do concello Calvos de Randín. Atravesando, entre outras áreas, a Veiga de Lobás.
En Porqueira, a LAT levaría 11 apoios nun percorrido duns dous quilómetros, e atravesaría a parcelaria entre Reboreda e Paradela de Abeleda e cruzaría o Limia.
En Calvos de Randín os núcleos máis próximos a infraestrutura serían Lobás (a 500 metros) e Serois (a 800 metros). En Porqueira, a liña quedaría a uns 400 metros de Reboreda e a uns 700 de Paradela. Tamén afectaría a Ponteliñares (a 500 metros) e Vila (600 metros)
O prazo de alegacións remata o 1 de xullo. A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, que recolleu máis de 1.500 escritos de oposición ao proxecto de polígono eólico de Lamas de Feás, tamén de Greenalia, tamén presentou estes días o seu modelo de alegacións contra a LAT.
A plataforma veciñal, nun comunicado nas redes sociais, advirte de que “Greenalia divide artificiosamente un macro-proxecto” presentando proxectos “por separado co fin de facilitar a súa tramitación autonómica”. E incide na falta “dunha avaliación ambiental do conxunto e tendo en conta as sinerxías que se xeran entre os distintos polígonos”, en relación aos proxectos PE Lamas de Feás e Lamas II, e o PE Fontesanta, en Bande, xa en exposición pública, e que son impulsados tamén por Greenalia.
En Calvos de Randín os núcleos máis próximos a infraestrutura serían Lobás (a 500 metros) e Serois (a 800 metros). En Porqueira, a liña quedaría a uns 400 metros de Reboreda, a 500 de Ponteliñares e a 600 de Vila.
As afeccións ao medio natural son parte dos argumentos utilizados tanto polo Concello de Porqueira como pola plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova e a asociación ambientalista Petón do Lobo na súa oposición ao proxecto.
Mais tamén hai afeccións doutro tipo, como as patrimoniais, nas que fai fincapé o Concello de Porqueira, dado que o tendido eléctrico pasaría preto da Torre da Forxa; ou as paisaxísticas, que subliñan veciñas e veciños en todo o traxecto da liña, que arranca na Pena Loba, baixa cara as veigas do Lobás e do Limia, atravesa o Monte Grande en Bande, e circunda o remate da serra do Laboreiro desde Verea até Padrenda nunha área xa cargada de tendidos eléctricos de alta tensión.
Desde Porqueira, Susana Vázquez explica que tamén se presentarán alegacións asinadas polas comunidades de regantes, polos tecores e polas catro comunidades de montes afectadas polo trazado. A alcaldesa informa de que o goberno local encargou a elaboración dun escrito de oposición que presentará o Concello e outro que se dará a firmar ás veciñas e aos veciños. O sábado ten previsto empezar as asembleas. “Lerei as 19 follas da alegación e despois pedirémoslle ás veciñas e veciños que asinen cada un a súa”.