martes. 03.12.2024

Na aldea do Silvoso (Calvos de Randín), entre Lobás e Pintás, a uns dous quilómetros dos penedos ao norte da Aguioncha onde Greenalia proxecta instalar o aeroxerador número 1 do futuro polígono eólico Lamas de Feás, unha máquina de 200 metros de alto, a casa máis alta ten baixo e dúas plantas e non levanta máis de sete ou oito metros.


No Silvoso, como en Lobás e Pintás, ou en Serois ou en Feás, as outras aldeas próximas aos terreos que quere Greenalia para arrancar aquí un macro-parque conectado por 42 quilómetros dun tendido de alta tensión, as cousas teñen medida humana. A Aguioncha segue sendo unha montaña admirada e apreciada. “E eu quero que siga sendo así. Que eses montes que nos deron a vida cando estaban cheos de gando e de madeira, e que nos seguen dando a vida porque nos dan auga, continúen como están”, di Aníbal.


Aníbal fala xunto a fonte no alto da aldea de Silvoso. A súa muller e el son os últimos habitantes, mais non os únicos no verán. Estes días para aquí José Luis, que vive en Bilbao. Está tamén a irmá de Aníbal, que a media mañá colle o coche e pregunta se alguén precisa algo de Calvos. Outros días vai a Xinzo. E tamén está outra familia, xente maior, que para pouco e non sabe “nada dos eólicos, diso quen sabe é o Aníbal”. Aníbal encóllese de ombreiros. Ao resto dos veciños parece que non lles preocupan moito os eólicos. “Non din nada, que van dicir?”, e volve facer un aceno escéptico.


A MARCHA EN DEFENSA DA AGUIONCHA
Este domingo, ás nove e media da mañá, sairá de Feás (Calvos de Randín) a primeira Marcha en Defensa da Aguioncha, convocada pola veciñanza e a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova. A mobilización pretende manter o foco sobre a ameaza eólica que pende sobre estas aldeas e o abandono por parte das institucións que representan á veciñanza.


O alcalde de Calvos de Randín, Aquilino Valencia (PSOE), mostrouse desde o principio favorábel á instalación do polígono eólico e da liña de alta tensión. En diferentes reunións con veciños foi tratando de facer valer a súa postura. Mais, primeiro Feás, e despois outras aldeas, como Lobás ou Pintás, mostráronse en contra do plan de Greenalia. O alcalde terminou por convocar unha reunión a finais de maio con técnicos da compañía e veciñanza. Alí comprometeuse a respectar a decisión das veciñas e a elaborar, chegado o caso, unhas alegacións contra o proxecto do parque eólico.


Iso aconteceu tres días antes do peche do primeiro prazo de alegacións contra o polígono. No último pleno o PP deixou en evidencia a Aquilino Valencia, quen non puido mostrar alegación ningunha. Só dixo que axudara a un veciño a redactar unha alegación. Ese veciño (ou un deles) foi Aníbal, o único habitante do Silvoso.

Aníbal, veciño de no concello de Calvos, afectado polo proxecto de Greenalia (3) Eólicos. Lamas Feás (FILEminimizer)
Vista da Aguioncha desde a fonte na parte alta da aldea do Silvoso, en Calvos de Randín.

A RESISTENCIA DE ANÍBAL
O Aníbal ten 78 anos e xa non é a primeira vez que se enfronta a unha cousa semellante. “Cando foi da mina, que empezaba aí arriba e collía a aldea enteira e baixaba até a veiga de Golpellás, organizámonos, e non firmamos nada”. Aníbal naceu no Silvoso, e aos 18 anos, cando outros mozos da contorna, colleu un tren para Alemaña. “Era un tren daqueles de carbón, cos asentos de madeira, a viaxe durou dous días. Fun para Stuttgart. Eu marchei porque aquí non se vivía, vivíase estreitamente, entón abriron a emigración e...”. Pasou corenta anos en Alemaña.


“Aquí o que menos tiña, tiña dúas vacas. Seriamos unhas 60 persoas. Despois de me casar, deixamos os fillos cos avós e volvemos para Alemaña”. Os fillos, tres, son hoxe emigrantes, como os pais. Dous deles están en Alemaña. Outra, en Lanzarote. “Ela estivo comigo o día que fixen a alegación co alcalde no Concello. E quíxolle facer entender, ao alcalde, que a el tamén lle prexudicaban os eólicos e a liña de alta tensión polas vacas que ten. El escribiu no ordenador, pero non lle pedín copia. Copia non teño”.


Aníbal soubo do polígono porque el ten terras en Feás. Chegoulle unha carta porque unha pista collíalle parte dunha finca. Foi este ano. Non lembra o mes. El non recibiu visita de ningún negociador, como si aconteceu en Feás hai unhas semanas. A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova entrevistou varias veciñas que contaron como un home, que non se presentou, faloulles das fincas afectadas, ensinoulles un mapa e lles pediu o teléfono. Polo rótulo do coche puideron sinalar a empresa á que pertence: Sertogal.


Sertogal é unha empresa con sede en Ourense que se publicita nas redes como compañía con “ampla experiencia profesional en el campo de la topografía e ingeniería”. O Diario do Limia púxose en contacto con Sertogal para coñecer a súa versión. Non deu resposta.

Aníbal, veciño de no concello de Calvos, afectado polo proxecto de Greenalia (1) Eólicos. Lamas Feás (FILEminimizer)
Aníbal viviu na aldea até os 18 e regresou hai 22 anos. Primeiro tivo cabras, hoxe ten ovellas.

“Eu quero que isto quede como está. E os fillos tamén queren o mesmo. Os poucos que estamos ou vimos aquí, vimos por isto, pola auga desta fonte da que levo bebendo toda a vida, polo monte, pola tranquilidade... o día que nos quiten isto, a aldea non vale nada”.


Aníbal baixa camiño da casa. Únese José Luís, o de Bilbao. Fai moitas preguntas, quere saber canto miden os eólicos, se se escoitan, por que o alcalde non se opón, por que o resto das aldeas non se organizan... A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova recolleu e rexistrou máis de 1.500 sinaturas contra o proxecto de Greenalia para o polígono eólico, e 700 máis, apenas medio mes despois, contra a liña de alta tensión que une este proxecto de Greenalia con outro en Bande. A oposición veciñal, que inclúe ao goberno municipal de Porqueira, é moi ampla nestes concellos da Limia. No Larouco (Baltar) hai unhas semana, a propia alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, sumouse á reivindicación da plataforma: eólicos aquí non.

Nas aldeas de Pintás e do Silvoso, as veciñas e os veciños teñen algunha razón a maiores para se preocupar. Os dous núcleos quedan dentro da perimetral do parque definida por Greenalia. Nin o alcalde nin os técnicos da empresa, naquela reunión en Calvos de Randín, deron unha explicación comprensíbel de que consecuencias ten iso. 

NOTICIAS A LIMIA | A única familia do Silvoso tamén di non ao polígono de Greenalia