Óscar Sabucedo continuará á fronte do Antela a próxima tempada en Preferente. Apenas tres semanas despois de alcanzado o ascenso de categoría, o presidente do club, Pablo Losada, confirma nunha entrevista co Diario do Limia que se publicará nas próximas horas a continuidade do adestrador, así como a do seu axudante, Jonathan Lameiras.
Sabucedo e Lameiras foron dúas pezas clave no ascenso do Antela. Colleron o equipo en xaneiro, fóra dos postos de acceso á fase de promoción naquel momento, e dous meses despois completaron o primeiro obxectivo coa clasificación do Antela como terceiro de grupo por detrás do Celanova e do Allariz. Despois mantiveron o club na pelexa polo ascenso até colocalo líder a unha xornada do final. O 15 de maio cumpriron o obxectivo da tempada co ascenso a Preferente.
PLANIFICACIÓN
Na entrevista, Pablo Losada tamén avanza algúns detalles a respecto da planificación da próxima tempada. O club pretende incrementar notabelmente o seu orzamento, e tamén a masa social, que na actualidade está ao redor dos 500 socios e socias.
Ademais, o presidente do Antela confirma o interese do goberno local, presidido por Elvira Lama (PSOE), de mellorar a axuda económica ao club, en consonancia coa nova categoría. Despois de que Carlos Gómez, un dos líderes do PP en Xinzo, asumise nunha entrevista co Diario do Limia que o esforzo municipal debe aumentar, todos os grupos parecen estar de acordo. Losada adianta que a directiva do Antela foi convocada a unha reunión co goberno local o xoves da próxima semana.
No ámbito competitivo, o Antela volverá adestrar esta tarde e o próximo luns para preparar o encontro de oitavos de final da Copa Deputación diante do Barbadás, que se disputará na Moreira o próximo mércores ás 21:00 horas. O resto do partidos desta rolda celebraranse entre este sábado (cando xoga o primeiro equipo das Escolas Deportivas diante do Sp. Carballiño) e este domingo. O Ribadavía Atlético está clasificado para cuartos despois da renuncia da U.D. Ourense.