O obrigado aprazamento pola covid-19 deste domingo e o descanso previsto para a próxima xornada de Liga fixo que a directiva do Antela tomara unha decisión na que viña matinando estes días: a destitución do tándem de adestradores, Moncho Barge e Julio Rodríguez. "Os malos resultados da primeira volta e as sensacións que transmite o equipo precipitaron os acontecementos. Trátase dunha decisión difícil pero necesaria. Ambos senten as nosas cores con paixón", di o club nun comunicado na súa páxina de Facebook.
Completada a primeira volta de competición no Grupo 4º da Primeira galega, subgrupo B (Ourense), o equipo limiao marcha penúltimo con dez puntos, a oito do líder, o Sporting de Celanova. "Entendemos perfectamente a decisión. Nós entramos para botar unha man e o Antela está por riba de todo", di Moncho Barge a Diario do Limia.
A decisión tomouse esta mañá, despois de que o Antela, con catro positivos por covid-19 no cadro de xogadores, vise suspendidos o partido de Copa do xoves e o de Liga de hoxe, diante do pechacancelas Covadonga. Barge e Rodríguez estaban na súa segunda etapa no banco do primeiro equipo, despois do ascenso a Preferente hai uns anos, regresaron a metade da temporada 2019-20.
"Os resultados non estaban sendo bos. A reacción ten que darse e confío en que se dea", confesa Barge, e engade: "A vida do adestrador é esta. Vas día a día". Tanto Barge como Rodríguez, que xa foi adestrador do primeiro, levan boa parte da súa carreira deportiva vinculados ao Antela Fútbol Clube, vinculo que esperan seguir conservando.
Fontes da directiva do club comentaron a Diario do Limia que o substituto dos técnicos estará entre Manel Vázquez, Óscar Sabucedo, Germán Reza e Tiago Pereira, adestrador portugués.