A tres semanas do debut na Liga diante do Pontevedra B, Óscar Sabucedo ten un bosquexo do once titular, o equipo base co que o Antela afrontará a tempada do regreso a Preferente. Onte, na Moreira (e non no sintético, como por erro se informou na previa) o técnico ensaiou un 4-1-4-1, con Noel como único pivote, Peral e Pedro como interiores, Carlos e Joni nas bandas e Borja na punta de ataque. O Antela superou ao xuvenil do Pabellón (3-0) con tantos de Quintairos, Peral e Teixeira, cun fútbol máis vertical que diante do Monterrei e máis oportunidades de gol.
Ausentes Dalama, Breixo, Fabio, Xabi Lamas e Sergi, o Antela aliñou de principio un equipo formado por Suso; Peque, Juáncar, Quintairos, Aarón; Adrián, Xosé, Carrasco; Anxo, Tumbeiro e David Lamas. O Pabellón xuvenil empezou mellor e mantivo o control do partido durante a media hora inicial. O Antela resistiu asentado na parella de centrais e no despregue de Anxo e Tumbeiro. Marcou Quintairos, de cabeza, tras dous saques de esquina consecutivos. Despois, lanzou unha falta e o balón bateu no pau.
Na segunda parte, o Antela saíu con Suso; Romero, Teixeira, Quintairos, Tazos; Noel, Pedro, Peral; Carlos, Borja e Joni. Arrancou forte e vertical e anotou rápido o segundo gol (Peral). Durante vinte minutos pasou por riba do Pabellón. Teixeira marcou o 3-0, de novo tras un córner. Nese primeiro tramo, Noel e Peral deixaron constancia das súas calidades e o conxunto en xeral, dun bo ton físico.
O partido do próximo domingo diante da U.D. Ourense servirá para novos ensaios, e para que os ausentes onte demostren as súas opcións de entrar no once. Con Suso fixo, na defensa haberá competencia polas dúas prazas de central entre Breixo, Quintairos e Juáncar (con Teixeira na recámara). Os laterais son para Romero e Tazos.
No centro do campo, Xabi Lamas e Fabio disputarán a titularidade con Noel, Peral e Pedro. Carrasco e Adrián parecen os seguintes na lista. Nos extremos, Carlos e Joni están un punto por riba do resto, con Anxo ganando galóns. Borja e Tumbeiro son as opcións no posto de ariete.
O filial, Antela Xinzo (denominación que manterán as directivas do Antela e das Escolas Deportivas malia que na Federación figura inscrito como Antela B), xa coñece o seu rival no partido do próximo domingo na Moreira: será o Vilar de Barrio, co que competirá no mesmo grupo de Segunda galega. Antes, o venres, os de Toncho xogarán contra o A Bola no sintético.