jueves. 21.11.2024

Juan Antonio Losada, Toncho, foi unha figura do Antela nos seus tempos como futbolista. Hai uns meses, nunha reunión de ex xogadores previa ao partido do ascenso na Moreira, algúns dos que coincidiron con el aseguraron ao Diario do Limia: “Aquí o que puido chegar a Primeira División foi Toncho, xogaba coas dúas pernas” (Carlos, ex capitán e hoxe directivo); “tecnicamente era o máis cualificado” (Belucho). Naquela xuntanza, Toncho puxo sobre a mesa algunhas ideas que, a partir do próximo luns, terá ocasión de levar á practica como novo adestrador do Antela B.

Toncho farase cargo do filial, axudado por Dani Fariñas, técnico das Escolas Deportivas do Concello de Xinzo, e por Carlos, o ex capitán e actual directivo do Antela F.C., con dúas ideas moi precisas: formar futbolistas que sexan capaces de dar o salto de Segunda galega a Preferente cando Óscar Sabucedo (o adestrador do primeiro equipo) os reclame, e imbuírlles sacrificio e compromiso coa camiseta do Antela, entidade centenaria e símbolo deportivo de Xinzo de Limia.

Toncho será un adestrador “esixente” para un grupo “moi amplo” de futbolistas, “que iremos vendo o nivel que teñen e intentando axudalos individualmente a mellorar, porque esa é a función principal deste equipo”. Pensa que a idade dos xogadores, a maioría son sub'23, é idónea para este tipo de traballo, e advirte que “aínda están a tempo de explotar como futbolistas cun pouco de axuda”.

O adestrador valora especialmente o acordo entre as Escolas e o Antela para crear unha estrutura de base que teña como misión nutrir de xogadores ao Antela.“É un punto de partida interesante que todo o fútbol en Xinzo reme na mesma dirección e síntome ben acompañado con Dani e con Carlos”, di. E tamén considera positiva a presencia de equipos limiaos como o Vilar de Barrio, o Piñeira Seca e o novo Sporting Sarreaus: “Se hai xente que quere xogar, fan falta equipos e está ben que haxa moitos despois de tantos anos malos”.

Veteranos ANTELA. Carlos, Pablo e Toncho
Carlos, en primeiro plano; Pablo, ex gardameta; e Toncho, durante a conversa de veteranos en maio.

Se hai xente que quere xogar, fan falta equipos e está ben que haxa moitos despois de tantos anos malos".

A pretempada do Antela B comezará o próximo luns aínda co calendario de Liga pendente de revisión despois da inscrición do Sporting Sarreaus, que podería alterar a composición dos grupos que a Federación Galega estableceu antes de ter rematado o período de inscricións. Na Segunda galega ourensá haberá cambios a partir do próximo ano, coa idea de volver a ter unha división máis (a Terceira), segundo confirmou esta semana a delegación territorial.

FÚTBOL A LIMIA | Toncho, adestrador para un Antela B que primará a formación dos...