domingo. 24.11.2024

O Antela contará a próxima tempada cun equipo filial que disputará a Liga de Segunda galega, ocupando a praza das Escolas Deportivas de Xinzo. O acordo definitivo está pendente dunha reunión a semana que vén entre as directivas do club da Moreira e a das Escolas municipais. Falta por decidir o nome e elixir o cadro técnico, así como o orzamento necesario.


O cadro de xogadores tería unha estrutura de filial, cun 75% de sub'23 e un 25% de sub'30. O Antela e as Escolas manterían a súa vinculación e equipos en todas as categorías: o sénior en Preferente, o filial en Segunda galega e o xuvenil en Primeira galega; e o resto das categorías, baixo a organización das Escolas. 


A Federación Galega de Fútbol dá de prazo aos clubs até o 1 de agosto para inscribir equipos nas competicións provinciais de Segunda galega. No caso de Ourense, esta é a última categoría sénior, e a tempada pasada dividiuse en tres grupos. O equipo das Escolas, que rematou a Liga na oitava posición, compartiu grupo con outros dous equipos limiaos: o Piñeira Seca e o Vilar de Barrio. 

KEVIN TUMBEIRO, SÉTIMO DIANTEIRO
O Antela anunciou este sábado a incorporación dun terceiro futbolista procedente da canteira do Pabellón de Ourense, trátase de Kevin José Tumbeiro, que anotou dez goles en 33 partidos co equipo de División de Honra esta última tempada. Tumbeiro, formado no Ourense C.F., chega despois das fichaxes de Adrián Lorenzo e Anxo Pena, cos que compartiu vestiario. Adrián completou 17 partidos na División de Honra e sete máis no equipo B de Liga Nacional. Mentres que Anxo Pena xogou seis partidos no equipo B. 


Os tres cumpren 19 anos, superando a idade xuvenil, e poderían compatibilizar presenza no filial e no primeiro equipo. En calquera caso, empezarán a pretempada ás ordes de Óscar Sabucedo, que na dianteira conta con Joni, Borja, Sergi e David Lamas, da tempada pasada, e as fichaxes de Miguel Peral (tamén sub'23), Carlos López e, agora, Kevin Tumbeiro

FÚTBOL A LIMIA | O Antela terá un filial en Segunda galega vinculado coas Escolas...