jueves. 21.11.2024

O Antela xa atendeu as dúas primeiras peticións de Óscar Sabucedo para reforzar o equipo de cara a próxima Liga en Preferente. A semana pasada chegou Noel García, mediocentro procedente do Verín que pasou polo Velle. Hoxe o club confirmou o acordo con Miguel Peral, un dianteiro que tamén estivo ás ordes de Sabucedo no Velle.  

A de Peral é a terceira fichaxe do Antela, que onte presentou a Pablo Romero, un defensa procedente do Vilariño no que tamén estaba interesado o adestrador. 

Miguel Peral ten 21 anos e formouse na canteira das Escolas Deportivas de Verín, chegando a debutar co primeiro equipo na tempada 2018-19. A continuación disputou o seu último ano como xuvenil na U.D. Ourense en Liga nacional e despois deu o salto a Preferente da man de Sabucedo. A tempada 2020-21 xogou dez partidos e anotou cinco goles co Velle.

O xogador está de viaxe de vacacións e non será presentado oficialmente na Moreira até mediados do próximo mes. Esta tempada residiu en Polonia e mantívose activo xogando nun equipo afeccionado naquel país.

A un día para que remate a tempada 2021-22, o Antela xa chegou a acordos co meta Suso e cos defensas Breixo, Quintairos, Peque e Aarón. No centro do campo continúan Carrasco, Pedro, Xavi Lamas e Borxa Carballo; e na dianteira, Joni, Borja e David Lamas. En total, 12 futbolistas aos que agora se engaden Pablo Romero, Noel García e Miguel Peral. 

O club aínda non fixo oficial o acordo con Adrián e Anxo, dous futbolistas da canteira limiá que xogaron o seu último ano en xuvenís co Pabellón de Ourense en Liga nacional. E segue en negociacións con outros futbolistas, entre eles, Borja Tazos e Sergi, titulares con Sabucedo na última Liga.

FÚTBOL A LIMIA | Terceira fichaxe do Antela: Miguel Peral, un dianteiro con experiencia...