[ACTUALIZACIÓN 16:30 - inclúe confirmación renovación de Quintairos]
O Antela confirmou as renovacións de Borja Rodríguez (27 anos, dianteiro), Breixo Fernández Baliño (29 anos, defensa) e Cristian Carrasco (26 anos, centrocampista), que se unen á do capitán, Jonathan Gómez, Joni (28 anos, dianteiro). A primeira hora da tarde deste xoves, o club confirmou tamén a renovación de Iago Quintairos.
Joni, o futbolista máis regular do Antela esta tempada que remata ademais como máximo goleador do equipo (11 tantos), suma cinco campañas na Moreira, sendo titular en todas elas e cunha media de máis de 2.000 minutos por tempada. Participou do anterior ascenso a Preferente, onde disputou 28 partidos na Liga 18/19. Capitán xunto cos Forri desde hai varios anos, foi determinante na fase de ascenso con 6 goles, do decisivo no primeiro encontro diante do Vilariño até os dous que pecharon a vitoria contra o Carballiño na última xornada.
Borja Rodríguez, que tamén ten experiencia en Preferente, categoría na que xogou co Polígono a tempada anterior á pandemia, foi tamén dos destacados no último tramo da fase de ascenso con tres goles, dous deles na vitoria en Maside.
Breixo Fernández conta tamén cunha tempada de experiencia na Preferente, a que disputou co Monterrei na Liga 15/16. Leva tres anos na Moreira, e con Óscar Sabucedo parece ter asentado como central. Xunto a Quintairos formou a mellor parella de centrais da división ourensá este ano. A intención do club é renovar tamén a Quintairos.
Cristian Carrasco volveu ser titular despois de moitos meses diante do Barbadás na Copa. O mediocampista foi dos que máis acusou o ano sen competición pola pandemia. De ser titular na tempada anterior, pasou a un segundo plano. Sabucedo devolveulle minutos na fase de ascenso e na Copa. Tamén ten experiencia en Preferente, como Joni e como Breixo, participou do último paso do Antela pola categoría e tivo protagonismo no once.
A primeira hora deste xoves, a directiva confirmou a renovación de Iago Quintairos (28 anos, defensa). O central é o xogador do Antela con máis experiencia en categorías superiores. Xogou seis tempadas en Terceira, sempre no Barbadás, e dúas en Preferente, unha delas na Moreira.
No ámbito deportivo, o Antela centra agora o traballo en atar a Suso e Xabi Lamas, outros dous xogadores que parece que tiveron ofertas doutros equipos de Preferente. Pedro e Borja Tazos serían os seguintes na lista de prioridades. A directiva prefire manter a discreción a respecto de futuras incorporacións, alén de recoñecer conversas con futbolistas da Limia que remataron a súa etapa xuvenil noutros clubs.
Noutros ámbitos, a urxencia do Antela é pechar canto antes un acordo co Concello de Xinzo de Limia para mellorar no posíbel a axuda municipal (13.000 euros, que inclúen o gasto para o mantemento da Moreira). A reunión, que se suspendeu a semana pasada, está prevista agora para o próximo luns, día 20.