O Antela fixo oficial este martes na Moreira a fichaxe de Pablo Romero, lateral dereito procedente do Atlético Vilariño co que se enfrontou ao Antela nos dous partidos da fase de ascenso.
Pablo Romero Guede, que cumprirá 23 anos en agosto, xogou no Arrabaldo, en Segunda provincial, antes de chegar ao Atlético Vilariño, co que conseguiu o ascenso a Primeira. Despois dun breve paso polo Arnoia, en Preferente, a última tempada regresou ao club do Pereiro de Aguiar, onde disputou como titular 23 partidos de Liga, en total, máis de 2.000 minutos.
O Antela confirmou tamén a continuidade de Jesús Manuel Domínguez Ferreiro, Suso, o porteiro titular a pasada Liga, na que disputou 17 partidos e encaixou 18 goles. Suso, que ten 37 anos e unha recente experiencia en Preferente co Polígono (tempada 2020-21), foi un dos destacados na fase de ascenso malia as lesións.
Para completar a defensa, o Antela negocia con Juan Carlos Álvarez, central limiao do Nogueira de Ramuín, equipo que descendeu esta última tempada de Preferente. Juan Carlos xogou tres tempadas na Moreira entre o 2017 e o 2020, unha delas en Preferente e despois pasou polo Polígono antes de recalar no Nogueira.
Tamén busca o Antela un porteiro para competir con Suso e dar profundidade ao cadro de xogadores. Coa renovación de Suso, a liña defensiva queda pendente da resposta de Borja Tazos. Tamén parece inminente o acordo con Adrián e con Anxo [por erro, na primeira edición desta información aparecían identificados como Pablo e Álex], dous futbolistas da canteira antelana que xogaron o seu último ano en xuvenís co Pabellón de Ourense en Liga Nacional ás ordes de Pacho e David Carnero.