sábado. 23.11.2024

Nun comunicado emitido pouco antes das once da noite deste xoves, as directivas do Antela F. C. e das Escolas Deportivas do Concello de Xinzo fixeron oficial o acordo que avanzou o Diario do Limia este pasado sábado. O novo equipo, que partirá na Segunda galega e deberá ser inscrito antes do luns, denominarase Antela FC EDC Xinzo. 


“Na práctica será Antela Xinzo”, informa o comunicado. E precisa: “Este equipo estará baixo a tutela da directiva do Antela en colaboración coas Escolas Deportivas. A canteira seguirá chamándose EDC Xinzo e o xuvenil e o sénior Antela F.C. pero a idea é que aínda que se chamen distinto todo vaia polo mesmo rego”.


O acto co que se presentará a nova estrutura adíase até o regreso do concelleiro de Deportes, Rafael Penabad. A finais de xuño, antes de comezar as súas vacacións, Penabad declarou ao Diario do Limia que daba por feito o acordo e que o consideraba beneficioso para ambas partes. As Escolas son unha entidade privada que conta con financiamento municipal. 


No comunicado deste xoves, as directivas avanzan que “a idea é ter arredor de 20 fichas”, aínda que serán preinscritos 32 xogadores. A intención declarada polo Antela é que o 75% desas fichas correspondan a xogadores en idade sub'23, que poidan compatibilizar o filial co primeiro equipo. Ademais, subliñan que “a nivel deportivo cremos que hai 'mimbres' suficientes para ter un equipo competitivo xa que moitos dos xogadores xogaron en Primeira e algún en Preferente”. O adestrador está por determinar. Tamén, os días de adestramento. 

FÚTBOL A LIMIA | O filial xa ten nome: Antela Xinzo