jueves. 21.11.2024
O concelleiro de Deportes reaparece, tres semanas despois da polémica das piscinas, nunha foto coas directivas

FÚTBOL A LIMIA | Furtiva presentación do acordo entre o Antela e as Escolas

Directivos do Antela F.C. e das Escolas Deportivas de Xinzo, onte na Moreira. FOTO Concellería de Deportes de Xinzo
Directivos do Antela F.C. e das Escolas Deportivas de Xinzo, co concelleiro de Deportes de Xinzo, onte na Moreira. | FOTO: Concellería de Deportes de Xinzo.

O concelleiro de Deportes, Rafael Penabad (PSOE), reapareceu onte para unha fotografía con directivos do Antela e das Escolas Deportivas do Concello de Xinzo. Foi na Moreira, e para facer oficial o acordo entre ambas entidades (que avanzou o Diario do Limia o pasado 14 de xullo). Non se convocou aos medios de comunicación, malia que as fontes que adiantaron o acordo sinalaron que habería unha presentación pública do mesmo en canto o concelleiro regresase das súas vacacións. 


O concelleiro de Deportes estaba de vacacións a principios de mes, cando se produciu o atraso dunha semana na apertura das piscinas exteriores e se coñeceu (a través de varias informacións do Diario do Limia) a decisión do Concello de Xinzo de pechar, por vez primeira en 22 anos, a piscina climatizada durante os meses de xullo e agosto nos que o persoal desta instalación pasaría a ocuparse das piscinas exteriores.


Esa foi a principal polémica xerada ao redor das políticas municipais que competen ao ámbito de Rafael Penabad e sobre a que o concelleiro aínda non se pronunciou. En canto ao acordo entre as Escolas e o Antela, a nota que difundiu a Concellería de Deportes de Xinzo de Limia este venres di que: “A EDC Xinzo e o Antela FC estreitan a súa relación co fin de que o maior número posíbel de xogadores da Limia teñan cabida baixo a mesma estrutura”.


Sinala ademais que o nome desa estrutura será “na práctica” o de Antela Xinzo, “aínda que na Federación será Antela B xa que non foi posíbel pór o nome conxunto”. E conclúe afirmando que "hai mimbres suficientes para ter un equipo competitivo” en Segunda galega.

FÚTBOL A LIMIA | Furtiva presentación do acordo entre o Antela e as Escolas