jueves. 21.11.2024

O Antela é obstinado. Sobreponse e vence. É un equipo empeñado en fallar e volver fallar na área rival. Mais non desespera nin se rende. O Antela é obstinado e por iso chegará ás dúas últimas xornadas de Liga con opcións de ascenso. Agora xa é o mellor equipo (co Allariz) desta segunda fase. Os alaricanos aínda conservan un punto de vantaxe. Pero detrás, obstinado, está o Antela. 

Este domingo espléndido de primavera A Moreira luciu estadio grande. O equipo de Óscar Sabucedo ocupou os seus dominios e enseguida meteu ao rival atrás. Tres ocasións en xogadas consecutivas no minuto 13 de partido (un man a man de Sergi, un disparo a media volta de Borja e un remate de cabeza de Quintarios) serviron para establecer a xerarquía na primeira parte.

Con Joni, velocísimo e máis vertical que nunca, o Antela topou unha fenda pola esquerda. Pola dereita, Sergi non tivo o día. E Borja, que rematou máis que nunca, tampouco encontrou o gol. Nin Joni, que se colou polo extremo e polo carril interior case cando quixo. 

O partido era o Antela contra si mesmo. Porfiando. E os da Peroxa, que se defenderon con orde e pouco máis, esperando. Enviaron un balón ao traveseiro e na mesma xogada Suso salvou baixo paus. Corría o minuto 27 e a partir de aí os visitantes xa non volverían incomodar a Suso até mediada a segunda parte. 

O Antela elaborou no centro cada vez que Xabi Lamas colleu o balón. Pedro, un tanto acelerado, tivo a súa nunha excelente triangulación, mais tampouco superou a Marcio. O meta visitante foi o mellor do partido até que caeu lesionado pouco antes do descanso.

Non o substituíron, malia a evidente coxeira e os problemas para correr, saltar e golpear. E acabaríano pagando os visitantes.

antela.A Peroxa. Fase de Ascenso. 1 de maio (3)
As gradas presentaron a mellor entrada da tempada. O día, soleado, tamén axudou.

Ao descanso o Antela marchou como adoita, cun saco de ocasións e gol ningún. 

Na segunda metade os locais tomaron o mando inmediatamente. Mais deixaron de elaborar e buscaron o camiño máis curto con disparos desde fóra da área. Tamén sen acerto. O A Peroxa seguía co seu plan. Insistindo pola banda de Dacosta, cando podían, e pechando as bandas a Joni e a Sergi.

Os de Sabucedo dominaban case por inercia. Co porteiro cada vez con menos mobilidade, era cuestión de colocala entre os tres paus. Nun par de ocasión salvaron os defensas sobre a raia. Mais Quintairos cazou un centro de Tazos á área pequena. O porteiro non despegou os pés do chan.

Quedaba media hora de partido e o Antela perdeu algo da súa obstinación. Respirou. O A Peroxa colleu o balón, e co balón avanzou vinte metros. Foi pechando aos locais sobre a parcela de Suso. Tivo o empate nun par de disparos. Un desviouno Suso. Nese mesmo minuto, Óscar Sabucedo deu entrada a Pancho por Borja. E mantivo a David Lamas como improvisado extremo despois do relevo de Sergi.

antela.A Peroxa. Fase de Ascenso. 1 de maio (2)
Quintairos, que volvía xogar despois da súa lesión, celebra o 1-0.

O partido estaba neses momentos que cae para un lado ou para outro. O Antela sufriu. Calquera balón podía acabar co soño do ascenso. O Antela necesitaba un gol máis para superar ao rival na clasificación, pero sobre todo necesitaba os tres puntos...

Foi neses momentos no fío cando o esforzo de máis dunha hora sobre un campo grande e aberto como A Moreira deitou un par de xogadores visitantes no céspede. A interrupción aproveitouna Óscar para indicar aos centrais e a Forri que sacasen ao equipo de atrás. Pedro tivo o segundo e un defensa evitou o gol baixo paus. De seguido Suso frustrou o empate do A Peroxa. 

A moeda caeu do lado local, de quen máis empeño puxo nunha segunda metade con pouco fútbol, co Antela estrelándose contra unha parede, mirando a Marcio coxear pero sen poder incomodalo. Salvo a balón parado.

Por iso cando Pedro forzou unha falta ao borde da área, Tazos mirou ao banco e pediu permiso para intentalo. Tazos foi o xogador local que máis disparou, e disparou tanto que até disparou desde o córner. Óscar asentiu. E Tazos colocou o balón no pau corto. Suficiente. Marcio chegou tarde e tragou.

antela.A Peroxa. Fase de Ascenso. 1 de maio (4)
Público e xogadors celebran o 2-0, a menos de dez minutos do final.

O Antela, obstinado, obtivo todo o que podía conseguir esta tarde. Da maneira máis difícil, marcando cando menos xogou e menos ocasións creou. Pero gañando, superando o 1-0 en contra do partido no Marco. Xa só queda o Allariz por diante. Está a un punto. Por detrás, o Celanova e o A Peroxa aínda manteñen opcións. 

A próxima xornada: Maside-Antela, A Peroxa-Allariz e Vilariño-Celanova. Non boten contas. O Antela, teimudo, só pensa nun resultado.

 

FICHA TÉCNICA  

ANTELA: Suso, Peque (Pisto, 80'), Breixo, Quintairos, Borja Tazos, Pablo Forri, Xabi Lamas (Carballo, 90'), Pedro, Sergi (David Lamas, 60'), Borja (Pancho, 70') e Joni.

A PEROXA: Marcio, Juan José, Abel, Alejandro, Bello, Dos Santos, Dacosta (Sotelo, 77'), Adrián, Bruno Cruz, Lucas (Sousa, 68') e Iago (Brian, 65').

GOLES: 1-0, Quintairos (59'); 2-0, Borja Tazos (83').

ÁRBITRO: Costas Rodal. Auxiliado por Baneira Suárez e Senín Fernández. Colexio coruñés. Sancionou con tarxetas amarelas a Borja Tazos (61') e Pablo Forri (88'), polos locais; e polos visitantes a Bello (63'), Bruno Cruz (80') e Alejandro (90').

ESTADIO: A Moreira. Uns 500 espectadores.

OUTROS RESULTADOS  

Celanova, 4; Sp. Carballiño, 2.
Barbadás B, 1; Maside, 3.
Allariz, 0; Vilarimo, 0.

CLASIFICACIÓN

1.º Allariz, 16 puntos.
2.º Antela, 15.
3.º A Peroxa, 15.
4.º Celanova, 14.
5.º Maside, 10.
6.º Vilariño, 8.
7.º Barbadás B, 7. 
8.º Carballiño, 4.


 

FÚTBOL A LIMIA | O Antela é obstinado