jueves. 21.11.2024

O Antela pasou a eliminatoria de 32/1 na quenda de penaltis (2-4) despois de encaixar un gol no último minuto de partido que supuña o empate do Paderne (2-2). Estaba sendo unha tarde cálida e tranquila para empezar unha longa fin de semana, pero torceuse. 

Primeiro porque os cambios introducidos por Óscar Sabucedo, a vinte e cinco minutos para o final do choque, non conseguiron pechar o partido. Ganaba o Antela 1-2, cómodo e sen máis sobresaltos que o continuo pique de Tazos cos rivais e co árbitro. Ganaba con certa solvencia dirixido por Xabi Lamas, que estivo sempre por riba dos rivais e do partido. Mais a renda era escasa e Sabucedo pensou en resolver a eliminatoria dando entrada a toda a dianteira titular (Pedro, Sergi, Joni e Borja).

Enfronte, o recurso foi Manu, un dianteiro alto e groso. Pero que demostrou criterio e soubo aproveitar o corpo. No minuto final, despois de que o Antela fallase ocasións desde todas as posicións, Manu cargou contra Suso dentro da área. O árbitro non apreciou falta. A xogada foi ao córner e Manu levouse a todos por diante para rematar de cabeza no primeiro pau o empate. 

Ganaba con certa solvencia dirixido por Xabi Lamas, que estivo sempre por riba dos rivais e do partido. Mais a renda era escasa e Sabucedo pensou en resolver a eliminatoria dando entrada a toda a dianteira titular.

O partido foi aos penaltis. Suso detivo o primeiro de Manu e cometeu o erro de responder ás provocacións dos afeccionados locais. Malia as ordes do adestrador, o porteiro insistiu. Parou dous penaltis máis e Tazos viña tirar o terceiro do Antela para despachar a eliminatoria. Pero o árbitro (sen asistentes) mandou repetir. Marcou o Paderne (1-2), e Tazos anotou o seu (1-3). A cousa estaba feita, pero Borja Tazos fixo algún xesto que provocou a ira do equipo local.

Foron a por el. Manu o primeiro. O árbitro parou a cousa a tempo. Borja Tazos está para o mellor e para o peor. Esta tarde marcou un gol desde o seu propio campo cun golpeo perfecto. Era o protagonista do día. Sinalou o camiño ao Antela. Nunha caixa de zapatos como o campo de Vista Fermosa, había que ir directos á meta contraria. Así o fixo o Paderne. Cunha presión intensa que durou quince minutos e lles valeu o 1-0. Pero cando Tazos pensa, as súas botas responden. 

Polo camiño do medio, cun golpeo largo de Suso que puxo o balón sobre a frontal da área rival para que David Lamas anotase tras o erro en cadea dos centrais do Paderne, tiña amarrado o partido o Antela. Xogando cunha dianteira inédita: Carrasco, Pablo, David Lamas e Germain. Xogando cos tempos de Pancho e os pulmóns de Xabi Lamas. 

Antela. Copa Deputación. Rolda de 32. Paderne. Campo Vista Fermosa (1)
O campo Vista Fermosa, desde un córner.

Despois, Sergi, Pedro e Joni tiveron as súas ocasións, tamén Tazos. A cousa parecía tan sinxela que o Antela marchou aos vestiarios antes do minuto 90. Ese lapso custoulles outro gol ao final. Quizá sexa esa a mellor lección que poden tirar do adestramento desta tarde no escaso campo de Paderne. Esa, é que o Antela, cando cala e xoga é mellor. Gusta máis. Cando fala demais, deixa de xogar e convértese nun equipo ao que calquera pode tombar.  

Despois da lea que cortou a quenda de penaltis, Sergi marcou o cuarto do Antela e decidiu o resultado.

FICHA TÉCNICA: aquí

FÚTBOL A LIMIA | O Antela enrédase nunha caixa de zapatos