[ACTUALIZACIÓN 16:00. Situación de Carrasco e suspensión do delegado]
Á baixa de Peral (catro partidos sen xogar por culpa dun papel que non chega desde Polonia) suma o Antela esta semana a de Kevin Tumbeiro, goleador no seu debut como titular e que tivo que someterse a unha operación de apendicite. Tumbeiro, de 19 anos, estará de baixa polo menos un mes. O Antela acusa tamén a baixa de Anxo na liña dianteira, na que Óscar Sabucedo, o adestrador, podería recuperar a Borja como nove para o partido deste domingo na Illa diante do Céltiga (estadio Salvador Otero, 18:00 horas).
O caso de Peral é cuestión de prazos. Unha vez que se cumpran os 30 días desde que se iniciaron os trámites para solicitar o pase internacional do xogador, os órganos federativos pedirían un transfer provisional, “que sería inmediato, polo que o futbolista xa podería ser aliñado”, explican desde a Delegación ourensá da Federación Galega de Fútbol.
A petición realizouse pola canle ordinaria: con comunicacións sucesivas desde a Delegación á Galega, desde esta á Española, de aí á FIFA e, finalmente, á Federación Polaca. Con esta perspectiva, Peral podería ser convocado xa a próxima xornada (o Antela visita ao Umia o día 9).
O resto de futbolistas están á disposición do cadro técnico. Se non hai máis novidades, Sabucedo conta con Suso e Dalama, porteiros; Peque, Romero, Tazos, Teixeira, Quintairos, Juáncar e Breixo, na defensa; Noel, Fabio, Pedro, Xabi Lamas, Xosé e Adrián, no mediocampo; e Carlos, Joni, Borja e Sergi, na dianteira. Son 19.
Carrasco, que non entrou en convocatoria ningunha nas tres primeiras xornadas, pediu ao club xogar co filial en Segunda galega. Adrián xa empezou a Liga xogando no filia, aínda que no seu caso, con ficha sub-23, pode ser chamado para o primeiro equipo.
CAMIÑO DOS 600 SOCIOS
O Antela debutou na Liga con algo máis de 400 socios. O club informou esta semana que xa está en 522 abonados. O prezo do carné individual é de 50 euros, mais hai varias bonificacións que rebaixan o prezo para determinados grupos. Hai catro anos, na anterior etapa en Preferente, o Antela alcanzou a cifra de 623 socias e socios. Ese é agora o seguinte obxectivo da directiva, que segue sumando apoio social en toda a comarca.
DURA SANCIÓN PARA O DELEGADO DO ANTELA
O delegado do Antela, José Antonio Parente, que foi expulsado durante o partido do pasado domingo entre o Antela e o Cultural Areas, recibiu unha sanción de 8 partidos de suspensión. A metade da sanción (4 partidos) ten que ver con protestas reiteradas ao árbitro principal dentro do terreo de xogo ao rematar o partido e estando xa expulsado.
OUTROS PARTIDOS
No grupo 3 da Segunda galega, o Vilar de Barrio, líder xunto ao Piñeira Seca, recibe mañá sábado ao Rúa (17:00 horas na Corga). Tamén mañá, o Antela Xinzo recibe ao Trives (16:30 horas, no Fernández Carrera). O domingo xoga o líder, o Piñeira Seca, que recibe no Touzal (17:00 horas) ao Parada do Sil. Mentres, o Sporting Sarreaus, que xa sumou os tres puntos do partido en Vilardevós pola sanción ao rival, descansa esta cuarta xornada.
Na categoría xuvenil, en Primeira galega, o Antela recibe mañá sábado (11:45, no Fernández Carrera) ao Ourense B. Antes, no mesmo escenario e a partir das 10:00 horas, o equipo cadete das Escolas Deportivas de Xinzo recibe á Sociedade Deportiva Arrabaldo.