O Concello de Porqueira acaba de aprobar as bases que rexen a contratación laboral de novos docentes que impartirán o Curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais.
Ofértanse un total de tres prazas nas que realizarán contratos temporais por servizos cunha duración estimada de seis meses. O período previsto para a contratación será dende o 21 de decembro do 2021 ata a finalización do curso, axustándose ás datas en función dos módulos formativos a impartir. O sistema para a adxudicación das prazas realizarase mediante concurso.
No tocante ao salario, fixarase una retribución neta de 20 euros por hora lectiva teórica realizada e 1,50 euros por cada hora de práctica por alumno.
Para poder inscribirse na oferta, será necesario reunir os requisitos establecidos no artigo 56 do Texto Refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público:
- Ter nacionalidade española.
- Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas.
- Ter cumpridos dezaseis anos e non exceder, no seu caso, da idade máxima de xubilación forzosa.
- Non ser separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das Administracións Públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das Comunidades Autónomas; nin acharse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial.
Para ver o resto de bases específicas no tocante á titulación e experiencia profesional requerida deberase visitar a páxina web do propio Concello de Porqueira, https://porqueira.sedelectronica.gal/info.
Disporase de 10 días naturais, contados a partires do día seguinte ao de publicarse este anuncio no BOP -o cal xa se publicou o martes 23 de novembro- para presentar as solicitudes. Éstas poderanse entregar no Rexistro Xeral do Concello de Porqueira, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou ben a través de calquera dos medios que establece a Lei 39/1015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.