viernes. 22.11.2024

Unha veciña de Santa Baia (Rairiz de Veiga) denuncia que alguén está provocando a morte de seis carballos, algún deles, de máis de 200 anos de antigüidade, nunha finca da súa propiedade situada a escasos metros da súa vivenda, e moi próxima á Carballa da Rocha, unha das árbores senlleiras do país.


Os carballos, que forman unha ringleira xusto por detrás do muro da horta dunha vivenda, levan varios anos secando. María, a veciña, reclamou o domingo pasado, 15 de maio, a presencia do Seprona despois de descubrir varios buratos nos carballos. 


Xunto aos buratos (de apenas un centímetro de diámetro e cunha profundidade duns dez centímetros) a tona presenta unha cor pardenta. A muller sospeita que ese buratos serviron para introducir algún pesticida ou algunha outra substancia que afectaron á vida das árbores, xa irrecuperábeis.


O Seprona realizou unha reportaxe fotográfica e levantou acta, mais pediulle á veciña que formalizara unha denuncia diante da Garda Civil. María pensa que o veciño da finca lindeira pode ter algunha información sobre a orixe dos buratos. Pero nin ela nin o seu marido conseguiron falar co veciño.

A situación empeorou cando María descubriu que nun dos tres carballos que ten na finca que rodea á súa propia casa tamén foi practicado un burato de similares características. Esa árbore terá uns cen anos, e aínda está frondosa. Taparon o burato con terra, que foi a recomendación do Seprona.

O Seprona realizou unha reportaxe fotográfica e levantou acta, mais pediulle á veciña que formalizara unha denuncia diante da Garda Civil.

denuncia seca castiñeiros Rairíz. Sant Baia (4) (FILEminimizer)
Un dos buratos, nunha das árbores afectadas.

Este carballo está pegado ao muro da finca da casa lindeira. María e o seu marido pedíronlle explicacións aos veciños. O veciño, duns 70 anos, conta María, reaccionou de maneira violenta, ameazando cun aparello punzante, “non podo dicir que fora un coitelo, estaba máis preocupada de parar ao meu marido para que non pelexasen”. O incidente acabou nunha denuncia de María diante da Garda Civil.


A tensión con estes veciños xa viña de atrás. O carballo elévase xusto sobre o muro da outra propiedade. “Pedíronnos que cortaramos ramas, polas follas, fixémolo, e volveron pedir máis. Pero non se pode recortar a árbore sen afectala. Até que descubrimos o burato, e que do outro lado teñen unha especie de banco feito cuns bloques desde onde é perfectamente posíbel facer o burato”, di María.


A maioría das veciñas puxéronse de parte dos veciños sinalados. María está indignada. Aínda non sabe como protexer as súas árbores. “Espero que esta reportaxe sirva para que paren, senón irei ao Concello, chamarei a Medio Ambiente, todo o que faga falta”, advirte. 

denuncia seca castiñeiros Rairíz. Sant Baia (6) (FILEminimizer)
Conxunto de carballos secos na localidade de Santa Baia.

NOTICIAS A LIMIA | Os buratos que matan os carballos de María