O subdelegado do Goberno reuniuse esta mañá co equipo de Felipe Traveso

NOTICIAS A LIMIA | Sandiás pídelle ao Goberno unha rotonda no cruzamento da N-525 coa estrada de Couso

Felipe Traveso e Emilio González, este martes en Sandiás. | FOTOS: Noelia Caseiro.

Despois do anuncio a semana pasada de que a N-525 ao seu paso por Xinzo converterase nunha rúa dotada de espazos verdes, beirarrúas amplas e mesmo un carril bici, o resto de concellos limiaos con parte do casco urbano nesa mesma vía están a ver unha oportunidade nos fondos europeos. Este martes, o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, aproveitou unha visita do Subdelegado do Goberno, Emilio González, para reactivar a demanda dunha rotonda no cruzamento da N-525 coa estrada de Couso.

“En datas próximas recibiremos a memoria do anteproxecto para que a Subdelegación dea conta ao Ministerio de Transporte y Mobilidad”, dixo Emilio González esta mañá en Sandiás, despois de facer a foto co grupo de goberno de Sandiás. “Comprometémonos a estudalo e valorado”, indicou o Subdelegado.

Ao seu carón, Felipe Traveso, mantivo a prudencia. “Falamos disto e de máis cousas, fixemos esa petición e topamos unha total predisposición por parte da Subdelegación a axudar nas nosas demandas”, comentou o alcalde.

Mentres, Emilio González insistiu: “É certo que hai vontade tanto dos concellos como do Goberno de mellorar a travesía da N-525, tamén polo que ten a ver coa mellora da seguridade viaria. Mais todo isto ten que ir acompañado dun plan de sostibilidade, porque os concellos deberán asumir a vía e facer o mantemento, e dun plan de mobilidade”. E concluíu: “Mellorar estas travesías que están integradas en núcleos urbanos é unha aposta do Goberno, e irémolo facendo na medida das posibilidades orzamentarias, pouco a pouco.”

Felipe Traveso sinalou que na reunión tamén se trataron cuestións de violencia de xénero e seguridade cidadá, así como o despregue da fibra óptica no concello. Traveso e González valoraron neste aspecto que Sandiás xa ten moi avanzada a cobertura de todos os núcleos e poderase completar nun prazo breve.

Felipe Traveso e Emilio González, con parte do equipo de goberno municipal, esta mañá en Sandiás.