Co curso escolar xa rematado, o CDR O Viso fai balance dun dos programas educativos que desenvolven con nenos en Sarreaus. Pobo Aldea recibiu en Lodoselo a 750 nenos de 21 centros educativos diferentes, que tiveron a oportunidade de desfrutar vivindo a realidade das aldeas.
Este programa ten por obxectivo achegar ós máis pequenos como é a vida no rural, pero tamén os seus saberes e enigmas así coma as súas virtudes e ameazas, todo a través da experimentación e o descubrimento. A oferta de actividades é variada, dirixida para estudantes de escolas infantís, de Educación Infantil e Primaria e para os de Educación Secundaria. Unha actividade común que todos realizan é a elaboración de pan artesán de forma tradicional, o que lles permite experimentar de preto este proceso.
No CDR O Viso propoñen unha programación de actividades para un só día ou unha fin de semana, pero tamén ofrecen convivencias ou excursións, entre outras. Contan con tempada baixa, de setembro a abril, e coa alta, de maio a agosto. Cada un conta con diferentes prezos e eses ingresos destínanse para outros programas de carácter social que desenvolven no CDR O Viso.