As cifras de contaxios están en mínimos anuais

CORONAVIRUS A LIMIA | Lento retroceso dos casos: na comarca hai 62 rexistros

Centro de saúde de Rairiz de Veiga.

A comarca na Limia está en mínimos anuais segundo os datos facilitados onte aos concellos polas autoridades sanitarias. A 1 de xuño rexistrábanse na Limia 62 casos activos. Máis da metade en Xinzo, onde se anotaban 34 casos. A evolución do coronavirus en Xinzo foi practicamente unha curva plana durante o mes de maio. Alcanzou o seu pico o día 13, con 51 casos, e o seu nivel máis baixo o día 24 con 29 rexistros. Esa foi a cifra máis baixa desde o 8 de abril, cando se anotaron 25 casos. 

Malia as cifras de Xinzo, as da comarca si que marcan mínimos anuais. Os 62 casos activos onte son o número máis baixo nos cinco meses anteriores. No último mes a situación mellorou en Baltar, Rairiz de Veiga e Trasmiras, hoxe con poucos contaxios activos. Porén, durante o mes de maio só houbo un concello que permaneceu varios días sen rexistro ningún. Foi Calvos de Randín.

A respecto de hai sete días, a redución comarcal foi dun 13%. Se o prazo de referencia se amplía a catro semanas, a baixada foi dun 35%. Así leva o coronavirus desde finais do inverno, nun descenso lento e constante. 

Así están os rexistros a 1 de xuño:
(variación desde o venres 6 de maio)
BALTAR   (variación -8)  1 (activos)
OS BLANCOS   (-2)  2
CALVOS DE RANDÍN   (+1)  2
PORQUEIRA   (+5)  8
RAIRIZ DE VEIGA   (-10)  1
SANDIÁS   (+1)  2
SARREAUS   (-3)  2
TRASMIRAS   (-10)  2
VILAR DE BARRIO   (-4)  2
VILAR DE SANTOS   (+2)  6
XINZO DE LIMIA  (-7)  34 

​A Dirección Xeral de Saúde Pública informou hoxe que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 8.710, deles 1.227 son da área de Ourense. Do total de pacientes positivos, 17 están en UCI, 430 en unidades de hospitalización e 8.263 no domicilio, di o SERGAS. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 3.508 falecementos.