Na praza de Abastos amontóase a axuda, que empezarán a transportar mañá; Protección Civil ten 4 persoas no labor de recollida

NOTICIAS A LIMIA | Desbordante solidariedade de Xinzo coas vítimas da guerra en Ucraína

Víctor, esta mañá, na praza de abastos de Xinzo, co material recollido até hoxe.| FOTOS: Noelia Caseiro

A Asociación Eurocidade Chaves-Verín deu até pasado mañá, día 10, como prazo para a recollida de material de axuda para as vítimas do conflito bélico en Ucraína. Despois, a roupa, alimentos, medicinas e produtos de hixiene partirán desde Feces de Abaixo (Verín) cara a cidade polaca de Ladek-Zdroj.


Alí vai destinada a axuda que estes días se está a recoller, entre outros puntos, no Concello de Vilar de Barrio e na praza de abastos de Xinzo. A solidariedade é desbordante, di Víctor, o impulsor da iniciativa no mercado limiao. O local onde están a almacenar as caixas e bolsas está cheo desde onte. Hai cousas xa no corredor. Cada quince minutos aparece alguén e deixa algo.


Víctor recibiu o apoio dunha tenda de motos. A súa furgoneta non dá para levar todo até Feces de Abaixo. Mañá fará unha viaxe... e outra se fai falta. "Seguiremos recollendo cousas até mañá mércores ao mediodía. Mais haberá que empezar a cargar hoxe o vehículo. Todo non entra, seguro", explica o praceiro este martes.


O Concello de Xinzo tamén está recibindo material en aluvión. Non tanto no punto de recollida na Casa do Concello, onde esta mañá había catro caixas xuntas, como no local de Protección Civil no espazo Multicentro. O chamamento municipal está tendo resposta. "Nós vimos desde Ganade. Collemos o carriño do súper e subimos no ascensor cueiros e algunha comida", din dúas mulleres mentres depositan a súa achega.

Os voluntarios de Protección Civil non paran. Do punto de recollida, no Multicentro, ao vello local nos Servizos Sociais, xunto a Estación, onde se almacena todo. "Entre onte e fixemos catro viaxe co coche cheo... o máis grande que temos", comenta un dos que atende á xente. Acoden veciñas e veciños de Xinzo e doutras partes da comarca. "Aquí no Multiusos estamos de 10 a 12 da mañá. Esta semana, polo menos". Son catro voluntarios que ordenan e transportan o material, tamén pola tarde.

O chamamento municipal está tendo resposta. Os voluntarios de Protección Civil non paran. Do punto de recollida, no Multicentro, ao vello local nos Servizos Sociais, xunto a Estación, onde se almacena todo.

Material de axuda, no punto de recollida da praza de abastos de Xinzo.

O teléfono de Protección Civil non para de soar desde onte luns, cando arrancou a iniciativa que o Concello de Xinzo anunciou o venres, despois de se ter sumado a unha campaña da Fegamp (Federación Galega de Municipios e Provincias). Aquí aínda non se coñece cando se empezará a enviar o material nin o destino definitivo. 


Mais a solidariedade non repara niso. "No que penso é que esperariamos que fixesen por nós de vernos nesa situación... cos nenos así", explica unha das veciñas de Ganade.

O Concello de Xinzo de Limia tamén puxo en marcha unha campaña para crear unha rede de familias de acollida de persoas refuxiadas procedentes de Ucraína.