A condutora dun turismo que se saíu da vía en Trasmiras, na N-525, no punto quilométrico 193 en dirección Xinzo, resultou ferida e foi trasladada polos servizos de emerxencia que acudiron ao lugar do sinistro, que se se produciu pouco antes das 18:00 horas deste mércores. Emerxencias non puido precisar o número de ocupantes do vehículo.
Segundo informa o 112, o accidente produciuse cando a o vehículo trataba de adiantar un camión. Ao parecer, na manobra estaba implicado un tractor. Segundo testemuñas, o camión tratou de adiantar o tractor cando o vehículo facía a mesma manobra para adiantar o camión. A condutora optou por desprazarse fóra da vía e acabou chocando contra unha cisterna aparcada en terreos dun taller de reparación e venda de maquinaria agrícola.
Fontes desta empresa, Agrícola Jaro, explicaron esta mañá ao Diario do Limia que a cisterna "está baleira" e "leva aparcada, á venda, uns oitos meses". O 112 informou onte, por erro, que a cisterna contiña xurros. E subliñou que se dera aviso a un equipo do servizo de mantemento de estradas para limpar o lugar. Desde Agrícol Jaro indican que o vehículo de estradas apareceu pero non tivo que limpar nada na vía.
Testemuñas informaron ao Diario do Limia que o accidente se produciu preto da saída da autovía e o automóbil entrou no recinto exterior dunha nave industrial, até acabar chocando contra o vehículo agrícola. Estas mesmas fontes indicaron que unha ambulancia procedeu ao traslado dunha persoa minutos despois das 18:30 horas deste mércores.
O 112 avanzou tamén que até o lugar do sinistro se desprazaron, ademais do 061, un equipo do servizo de mantemento de estradas para limpar o lugar, así como unidades de bombeiros de Xinzo e de Verín. Tamén foron alertados o GES de A Gudiña, a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil de Riós.