O Partido Popular de Trasmiras, cunha imaxe de grupo, presentou de forma oficial ao equipo que forma parte da súa lista para as vindeiras eleccións municipais, que terán lugar o 28 de maio. Emilio Pazos, actual alcalde da localidade, encabeza a candidatura dos populares na que hai nove titulares e catro suplentes.
O equipo cualifícano os populares de Trasmiras como "unido, cohesionado, transversal e preparado", no que hai diversos perfís nos que se mesturan e complementan "experiencia e xuventude". A maiores de todo isto destacan un importante punto sobre esta candidatura e é que todos os que forman parte dela, teñen "moitísimas ganas de traballar por Trasmiras".
Pazos, que é alcalde no concello dende o 2007, agarda ser reelixido para poder cumprir 20 anos no cargo para o final do próximo mandato. Aposta por compañeiros que xa o acompañaron nas listas do 2019, pero inclúe algúns nomes novos para afrontar estas eleccións baixo o lema "Trasmiras entre todos".