O programa Convivir Deportivo da Radio Galega estivo de visita en Trasmiras, onde gravou unha das súas emisións. Alfonso Pardo, conductor de Convivir Deportivo, trasladouse ata o concello con todo o seu equipo para facer partícipe á veciñanza deste programa radiofónico que viaxa polos concellos de Galicia falando de deporte.
O alcalde, Emilio Pazos, estivo presente nesta xornada xunto con outros veciños que falaron da historia deportiva de Trasmiras e tamén da súa actualidade. Recordouse o extinto Club Deportivo Trasmiras, que durante moitos anos foi o equipo de fútbol da localidade e que desapareceu pola falta de mozos que quixesen xogar.
Ademais, no programa participaron veciños de Trasmiras que teñen algún tipo de vinculación co deporte, contando as súas experiencias persoais. Tamén se falou do evento deportivo estrela da localidade, a proba BTT Ruta do Cocido que organiza cada ano a BTT Nocelo, co apoio do Concello. Neste 2023 acadou a súa 12ª edición cunha participación de máis de 200 persoas.
Na gravación de Convivir Deportivo non todo foi deporte, tamén se charlou da historia da localidade, da súa riqueza paisaxística ou arqueolóxica, entre outras cousas. Para rematar esta gran cita coas ondas radiofónicas, Convivir Deportivo contou coa participación, vía telefónica, dun ilustre veciño de Trasmiras. O xornalista e teólogo Luís Álvarez Pousa, nado en Viladerrei, interveu no programa.
O programa emitirase nas vindeiras semanas e servirá para promocionar o concello de Trasmiras e tamén o deporte.