Un vehículo que circulaba en dirección Trasmiras pola N-525 sufriu unha saída de vía, a entrada da localidade, e rematou na cuneta do outro lado da estrada pouco antes das 16:00 horas deste domingo.
Ao lugar do sinistro trasladouse un equipo do 061 de Xinzo de Limia e dúas unidades dos bombeiros. Non foi precisa a intervención dos bombeiros, e a única ocupante do vehículo, un turismo da marca Opel, saíu polo seu propio pé.
A muller, duns 50 anos, segundo os servizos de emerxencia, queixábase de molestias no pescozo e os sanitarios decidiron o seu traslado ao Hospital de Ourense, para a realización de probas, como medida de precaución.
Vinte minutos despois de que saltara a alerta no 112, a ambulancia ía camiño de Ourense mentres unha grúa retiraba o vehículo sinistrado da cuneta onde quedou avariado con danos na parte dianteira como consecuencia do golpe contra a maleza.