jueves. 21.11.2024

O Touro Osborne vira azul na Limia. A silueta do Touro negro que simbolizaba o carácter viril co que unha coñecida marca de bebidas alcohólicas, Osborne, vendía o seu licor na España dos anos 60 e 70, mantiña un último exemplar na rede viaria ourensá na N-525, en Trasmiras.


A publicidade, convertida nunha icona nas estradas da España do postfranquismo, estivo a piques de ser retirada nos anos 90 por un novo regulamento de tráfico que defendeu o daquela ministro Josep Borrell. Salvouna unha sentenza (nin máis nin menos) do Tribunal Supremo. 


Mais agora, sen que saiban as causas, o Touro negro virou azul, e non se sabe se é cousa da continuada exposición á luz do país, se polo desgaste propio da chapa, ou porque aquel carácter que quería representar está hoxe nas cavernas. 


A Garda Civil interesouse polas circunstancias do repentino cambio de pelaxe do exemplar. Esta mañá preguntou nas oficinas do Concello de Trasmiras e despois os axentes subiron o monte tirar unhas fotos, segundo informa unha fonte municipal.

NOTICIAS A LIMIA | Cambio de cor do Touro de Osborne na N-525