martes. 03.12.2024

O conselleiro do Medio Rural, José González, xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o alcalde de Trasmiras, Emilio Pazos, visitou o concello para manter un encontro cos veciños que se verán beneficiados pola nova concentración parcelaria de Escornabois. Esta actuación da Xunta, que afecta a 711 propietarios, prevé reorganizar unha superficie de case 300 hectáreas divididas en 2.632 parcelas.

González resaltou a importancia desta fase do proceso, na que o interese da veciñanza é imprescindible. "Estamos satisfeitos coa participación dos veciños", apuntou. No encontro explicaron no que consistirá esta parcelaria, pero tamén escoitaron as súas dúbidas e inquedanzas. "O que queremos é darlle o maior aproveitamento a unha terra extraordinaria", destacou o conselleiro.

Medio Rural destinará algo máis dun millón de euros para a reorganización da estrutura territorial desta zona afectada, co obxectivo de aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. "Con esta xuntanza damos o pistoletazo de salida para a posta en marcha da concentración parcelaria en Escornabois, moi demandada polos veciños", apuntou o alcalde de Trasmiras. Esta reorganización, ademais de acabar co abandono das terras, pretende "poñer a disposición das explotacións e da xente que queira vivir no campo, máis terreo para que se poida explotar a través de arrendamentos", engadiu Pazos.

Sobre o municipio de Trasmiras, coa súa ubicación na comarca da Limia, destacouse a relevancia do seu sector primario, que conta cunha importante implantación de explotacións gandeiras, ademais de cultivos de pataca, millo, cereal e hortícolas extensivos. González afirmou que as concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente en Galicia. Nesta liña, apuntou que no concello desenvolvéronse un total de cinco procesos de reordenación parcelaria (Chamusiños, Trasmiras, Viladerrei, Vilar de Lebres e Zos), que supuxeron unha superficie total de 4.293 hectáreas concentradas cun resultado total de 7.230 predios de substitución e 5.258 propietarios beneficiados.

O conselleiro aproveitou a visita a Trasmiras para asegurar que a Xunta seguirá decretando novos procesos en Galicia e lembrou que, dende o 2009, o Goberno galego destinou máis de 118 millóns de euros aos distintos procesos de concentración, sendo o orzamento previsto para 2023 de 17 millóns. Ademais, puxo en valor que Medio Rural impulsará un Plan extraordinario para arranxar camiños en concentracións parcelarias, que estará dotado con seis millóns de euros en 2023.

NOTICIAS A LIMIA | Trasmiras terá unha nova parcelaria de case 300 hectáreas en...