sábado. 23.11.2024

Menos dunha semana despois de que a médica asignada ao centro de saúde de Trasmiras collese unha baixa por covid, o que obrigou a algúns pacientes a desprazarse a outros centros, o servizo volveu hoxe á normalidade destes meses.

O alcalde, Emilio Pazos, que o xoves dirixiu un escrito á Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, informou esta mañá de que o servizo recuperouse e engadiu que é a súa intención seguir reclamándolle á Xerencia “a inmediata cobertura da praza e evitar que os nosos pacientes se tiveran que desprazar até Sarreaus, co grave prexuízo para os veciños e veciñas do concello de Trasmiras”.

O alcalde solicitará unha reunión co xerente da Área Sanitaria para exporlle o problema e pedirlle que “actúe con previsión e cubra de xeito definitivo a praza do médico titular de Trasmiras e evitar así que os pacientes do municipio queden sen asistencia médica varios días, como así ocorreu a pasada semana”, segundo indica o concello nun comunicado de prensa este luns. 

Pazos lembra que o pasado xoves desprazouse o helicóptero do 112 “e non había no municipio un médico dispoñíbel co grave risco que para a vida do paciente iso supuxo”. Non quere o alcalde que se poida repetir esa situación e por iso pide resolver canto antes a interinidade da facultativa actual, que está cubrindo unha baixa de longa duración.

Explica o alcalde que a titular da praza en Sarreaus “non ten obriga algunha de acudir ao consultorio de Trasmiras, por iso son os nosos veciños os que se vén na necesidade de ir até o centro de saúde do municipio veciño, aínda que a min, e a eles, lles resulte un evidente trastorno”.

NOTICIAS A LIMIA | Trasmiras recupera a médica seis días despois