martes. 03.12.2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, realizou esta mañá unha visita ao concello limiá de Trasmiras. Alí reuniuse co alcalde da vila, Emilio Pazos, co obxectivo de poder tratar as principais demandas do municipio en relación á administración autonómica.

Ambos políticos visitaron as obras de mellora no bombeo da auga potable e as da instalación da estación depuradora de augas residuais -EDAR - no núcleo de Vilar de Lebres. Traballos nos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade -a través do organismo Augas de Galicia- investirá preto de 72.000 euros; concretamente 39.847, para a mellora do bombeo da auga, e 31.842 para a depuradora.

Obras no sistema de augas do Concello de Trasmiras. | FOTO: Roberto Lorenzo.Obras no sistema de augas do Concello de Trasmiras. | FOTO: Roberto Lorenzo.

Estas obras manteñen unha relación directa co plan de aforro enerxético, PACES, do que o concello xa ten creado unha memoria para a súa aplicación. Un dos seus obxectivos é crear un depósito de auga novo cunha cuota de líquido moito máis baixa en comparación ao que xa ten -pois a súa altura dificulta as extraccións-. Quérese obter unha mellor presión e aproveitamento da entrada de auga dos mananciais. A finalidade principal é que a depuradora faga un esforzo mínimo á hora de bombear os líquidos.

En toda a provincia de Ourense, 67 concellos percibiron 95 axudas destinadas a mellorar estes servizos de competencia municipal. Delas, 46 están destinadas a optimizar o funcionamento do abastecemento de augas, e 49 enfócanse na modernización, eficiencia e eficacia no saneamento e depuración. Nunha primeira quenda, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade xa outorgara 105 axudas a 83 concellos para executar obras de abastecemento, saneamento e depuración, cun investimento global que roldaba os 4 millóns de euros.

O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, destinou- nestas dúas quendas- preto de nove millóns de euros para apoiar 217 actuacións en 152 municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes. Esta actuación da Xunta conta co financiamento do eixo REACT - UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014 - 2020.

NOTICIAS A LIMIA | A Xunta investirá 72.000 euros na mellora do abastecemento de auga...