sábado. 23.11.2024

Os premios Xuventude Crea recoñeceu ós gañadores na categoría de Videocreación, onde a limiá Mirian Opazo quedou en segundo lugar. A creadora de 24 anos recibiu o premio pola súa curta "Retratos do silencio", inspirada na súa aldea materna, Escornabois, en Trasmiras. "É unha pequena curta que fala do despoboamento do rural e do seu abandono, aínda que a min gústame dicir que trata de habitar ausencias", sinala.

Opazo quedou segunda neste certame ao que se presentaron máis de 4.000 persoas de entre 16 e 30 anos. Na categoría Videocreación, nove creadores foron finalistas e a limiá quedou por diante da viguesa Rocío Campoy, con "Emocións en espiral"; e por detrás do gondomareño Juan Rodríguez e o seu traballo "Corpo, Espazo e Tempo".

A moza limiá escolleu a o tema do despoboamento "pola miña historia persoal coa aldea, que saíu máis dunha preocupación política que de algo artístico", sinala. Con esa premisa gravou a curta, que a presentou nunha asignatura da súa carreira de Belas Artes que estudou en Salamanca e que utilizou para presentarse aos premios Xuventude Crea, "no último momento", engade.

A principios da semana pasada, Opazo recibiu un "sorprendente" correo electrónico por parte da Xunta, no que lle confirmaban que era unha das finalistas. "Non o esperaba porque non tiña claro nin se lles chegara o vídeo porque foi todo no último momento", recorda. Así presentou esta fin de semana Centro Galego de Artes da Imaxe, na Coruña, onde se deron a coñecer aos premiados.

Este segundo posto trae consigo un premio de 1.500 euros. "Isto é coma unha palmadiña nas costas, un recoñecemento de que estás a facer ben o teu traballo", resalta.

NOTICIAS A LIMIA | A limiá Mirian Opazo recibe un premio pola súa curta sobre despoamento