Vilar de Santos recupera a festividade de San Xoán, unhas das que marcan de forma especial á localidade, coa celebración da I Romaría do San Xoán de Saa. Esta ubicación é unha aposta por poñer en valor o patrimonio cultural, xa que a selección de Saa incide na recuperación da memoria porque a igrexa de San Xoán, datada no século XII, foi trasladada dende dita aldea á súa localidazación actual en Vilar de Santos a mediados do século XX.
Esta romaría, que terá lugar este venres pola noite a partir das 21:30 horas, busca continuar co crecemento en comunidade ao albergar o espírito desta festa. A celebración consistirá nunha cea na que non faltarán as sardiñas nin a queimada ao son da foliada. Tamén haberá tempo para saltar a cacharela e así espantar ó meigallo.
Para asistir só hai que mercar un ticket, cun prezo de 15 euros. Están dispoñibles no centro social, no supermercado do Aldo, na Arca da Noe e na Zona Franca. Os menores de dez anos poderán acudir de xeito gratuíto.
Os veciños organizadores deste evento queren levalo máis alá dunha sempre cea, xa que pretenden poñer en valor “o noso patrimonio arquitectónico, a nosa cultura e a nosa historia”. Para o futuro, xa contan con incorporar máis actividades nesta romaría.