jueves. 21.11.2024

Xan Xardón vén de anunciar, no pleno extraordinario deste xoves, que renuncia a alcaldía do Concello de Vilar de Santos. Segundo el mesmo asegurou, a decisión é por estritos motivos persoais.

O vindeiro sábado 5, ás doce da mañá, terá lugar o pleno de elección do novo alcalde, que será, previsibelmente, o actual tenente de alcalde, Antonio Míguez Nogueiras

 
Xan Xardón (1968, Vilar de Santos) era alcalde de Vilar de Santos desde setembro de 2005, cando substituíu a Xosé Antón Xardón (BNG), daquela alcalde, quen pasou á ocupar a Delegación de Industria do goberno da Xunta en Ourense. Nas seguintes eleccións municipais, en 2007, Xan Xardón concorreu como cabeza de lista do BNG e obtivo a súa primeira maioría absoluta. Repetiu no 2011, logrando o 86% dos votos e todos os escanos da corporación (7).

Chegou a ser voceiro nacionalista na Deputación, mais en setembro de 2012, en plena crise interna do BNG, abandonou o partido daquela liderado por Francisco Jorquera e nas seguintes municipais, en 2015, presentouse baixo a marca de Compromiso Por Galicia (CxG), revalidando a maioría absoluta.

En decembro daquel ano, apoiou á lista Nós Candidatura Galega, encabezada por Noa Presas en Ourense nos comicios estatais. E o Nós obtivo o seu mellor resultado en Vilar de Santos. Ao ano seguinte, en setembro de 2016, xa afastado de Compromiso, prestou o seu apoio á candidatura de En Marea nas eleccións galegas.

En 2019, á fronte de Xuntos por Vilar de Santos repetiu o 84% de apoios e o seu partido ocupou os 7 escanos da corporación municipal. 

O Diario do Limia púxose en contacto con Xardón pouco despois de que o Concello de Vilar de Santos anunciase nas redes sociais a súa renuncia. Explicou que estaba de viaxe privado por un asunto urxente, e que as razóns da súa decisión están indicadas no comunicado oficial.

Xan Xardón manterase como concelleiro de Xuntos por Vilar de Santos, segundo a información difundida hoxe.

NOTICIAS A LIMIA | Xan Xardón deixa a alcaldía de Vilar de Santos