A Asociación Cultural Civitas Limicorum vén de chegar a un acordo cos institutos de secundaria de Xinzo de Limia, o IES Lagoa de Antela e o IES Cidade de Antioquía, para que os seus alumnos participen no gran desfile infantil do Entroido vestidos como auténticos castrexos e castrexas. O evento, que terá lugar o venres 28 de febreiro pola mañá, converterase nunha gran recreación da sociedade castrexa, poñendo en valor o pasado galaico e a identidade histórica da Limia.
Para preparar esta participación, membros da Xunta Directiva desprazáronse a ambos centros educativos, onde impartiron unhas charlas didácticas sobre a cultura castrexa. Durante estas sesións, os escolares descubriron como era a vida nos castros, que vestimenta utilizaban, que xoias adornaban ás súas xentes e como se organizaba a súa sociedade. A actividade, guiada por Marcos Argibay e Noelia Caseiro, serviu tamén como unha oportunidade para presentarlles a Festa do Esquecemento e espertar o seu interese pola recreación histórica.
"Estamos moi agradecidos pola implicación dos centros educativos na recuperación e divulgación da nosa historia. Ver a varios centos de alumnos ataviados como castrexos e castrexas no Entroido de Xinzo será unha demostración do noso pasado límico e unha reivindicación das nosas raíces máis ancestrais nun tempo tan especial como este", destacan desde a Asociación.
Esta iniciativa forma parte do Annus Argenteus, a celebración do 25º aniversario da asociación, e supón un novo paso na colaboración con centros educativos da vila para achegar á mocidade a historia e a cultura da Antigüidade dun xeito didáctico e participativo, que se suma á creación da competición escolar de xogos romanos nos CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro.