domingo. 09.03.2025

No marco da conmemoración dos 900 anos do Foral de Ponte de Lima, o pasado 3 de marzo tivo lugar no Palacete limiano de Villa Moraes un encontro de municipios irmandados con esta localidade portuguesa. O Concello de Xinzo de Limia estivo representado por Carlos Gómez Salgado, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Turismo e Relacións Institucionais, quen asinou a renovación do protocolo de irmandamento entre ambas vilas despois de 41 anos de vixencia.

 

Ponte de Lima e Xinzo de Limia levan unidas desde o 16 de abril de 1984, sendo este o primeiro acordo de irmandamento da vila portuguesa con outro municipio. Ademais da renovación deste acordo, Ponte de Lima reafirmou os seus lazos cos municipios de Chalette-sur-Loing e Vandœuvre-lès-Nancy (Francia), así como con Río de Xaneiro (Brasil). Ao mesmo tempo, asinou tres novos protocolos de irmandamento con Saint-Cyr-l’École (Francia), Allariz (Ourense, España) e Dujiangyan (China).

 

Estes acordos de irmandamento buscan fomentar a cooperación entre municipios a través do intercambio de experiencias e boas prácticas en diversos ámbitos, promovendo a colaboración cultural, científica, deportiva, comercial e industrial entre cidadáns, empresas e institucións.

O Concello de Xinzo de Limia estivo representado por Carlos Gómez Salgado, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Turismo e Relacións Institucionais.

 

Desde hai décadas, Xinzo de Limia e Ponte de Lima manteñen unha estreita relación a través de continuas actividades e intercambios culturais, educativos e medioambientais. Esta colaboración intensificouse a partir do ano 2011, cando a Asociación Civitas Limicorum impulsou proxectos conxuntos entre ambas vilas irmandadas.

 

Entre as iniciativas máis destacadas figuran o Abrazo ao Río Limia no 2012, a recreación na vila portuguesa do paso do río Lima polas lexións de Décimo Xuño Bruto e a participación de Xinzo de Limia no Corteo Histórico das Feiras Novas en varias edicións.

 

Outros intercambios habituais inclún a presenza de Xinzo na Feira do Medio Ambiente, a celebración do Día de Xinzo en Ponte de Lima e a participación de grupos musicais de ambas localidades, especialmente gaitas e corais.

 

Esta tradición terá continuidade o vindeiro 29 de marzo, cando o Orfeão Limiano de Ponte de Lima actuará no Festival de Corais organizado pola Coral Santa Mariña de Xinzo de Limia. O 11 e 12 de xuño celebrarase en Xinzo o Abrazo ao Río Limia, e o 15 de agosto participaremos no Festival das Cidades Irmandadas en Ponte de Lima, cunha representación no noso folclore, música e tradición.

NOTICIAS XINZO | Catro décadas de irmandamento con Ponte de Lima