O Concello de Xinzo de Limia recoñecerá no próximo pleno a dedicación de José Luis Casas Rivero, capitán da Garda Civil, en prol da seguridade dos veciños durante máis dunha década. Na sesión plenaria do día 15 abril destacarase, ademais do seu extenso currículo, a súa disposición incondicional de colaborar cos distintos alcaldes e alcaldesa do concello. Tamén se aprobará a concesión da medalla de Xinzo.
Natural de Vilardevós (1970), superou a oposición no corpo da benemérita, e tralo seu paso pola Academia de Baeza (Jaén) e un ano de garda en prácticas no posto de Riós, foi nomeado Garda Civil profesional. En 2010 ascende a tenente e obtén destino na Compañía de Celanova como adxunto da mesma e con sede en Xinzo. O ascenso a capitán chega o 6 de setembro de 2020, polo que vén de conseguir o seu primeiro destino no cargo.
En canto ás distincións de carácter individual na súa traxectoria profesional, foi recompensado coa Cruz do Mérito Militar con distintivo branco; coa Cruz de Prata Orde do Mérito da Garda Civil; Cruz da Real e Militar Orde de San Hermenexildo e ca Encomienda da Real e Militar Orde de San Hermenexildo.
Cómpre destacar que o capitán José Luis Casas Rivero fomentou coa xefatura da Policía Local unha disposición de colaboración que se foi agrandando co tempo, sendo nestes momentos Xinzo un modelo neste sentido. Esta relación de colaboración chegou ata a elaboración do Plan de Autoproteción do Entroido de Xinzo de Limia 2020.