jueves. 26.12.2024

O Concello de Xinzo de Limia vén de comunicar a licitación, por un importe de 40.000 euros, da habilitación dunha ruta de sendeirismo de 30 kilómetros: a Ruta da Portela. No importe esá incluída a  aproxectada construción dun miradorio e unha zona de descanso no punto máis alto do percorrido, co mínimo impacto paisaxístico.

A denominada Ruta da Portela, cunha lonxitude total de trinta kilómetros repartidos en cinco tramos, ten por obxecto dar a posibilidade ó camiñante de "coñecer como a palma da man os lugares mais significativos do concello de Xinzo de Limiae "descubrir diversos aspectos do patrimonio, a paisaxe e a etnografía do lugar", segundo informan dende o consistorio.

O percorrido está subdividido en cinco tamos:

1. Alameda do Toural (Xinzo) - Alto do Depósito (3,06 kilómetros): iníciase na Alameda do Toural, desfrutando da paisaxe ao longo do río Limia polo paseo preexistente. Chegado a un punto do río que estará convenientemente sinalizado, xirará cara o norte e iniciará a súa subida cara a primeira parada, o Alto do Depósito. 

2. Alto do Depósito - Torre da Portela: o alto do depósito é un mirador natural, dende o cal pódense ter vistas excepcionais sobre a vila de Xinzo. Neste lugar está previsto instalar un punto informativo no que se descubrirá ó camiñante aspectos da paisaxe da contorna.

3. Torre da Portela - Mosteiro de Bon Xesús de Trandeiras: Neste terceiro tramo continuárase o camiño ata o Mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, onde está previsto incorporar os correspondentes paneis con documentación da historia desta xoia patrimonial. 

4. Mosteiro - Piñeira Seca: A partir do Mosteiro iniciarase un percorrido que levará ao camiñante por sendeiros naturais e carballeiras, dende unha altitude de 650 metros ata o punto máis alto da Ruta da Portela, a 780 metros de altitude. Neste punto construirase un mirador dende o que se poderá observar unha panorámica de 360 grados sobre a Limia, abarcando os concellos limítrofes.

5. Piñeira Seca - Xinzo: A partir do punto de máxima altitude iniciarase un descenso cara o río Limia, atravesando o núcleo de Piñeira Seca onde comeza este tramo final, que rematará de novo en Xinzo.

Actuacións a realizar

Entre as actuacions pendentes de levar a cabo para habilitar esta ruta de sendeirismo está a limpeza de camiños, o acondicionamento de cunetas e desaugues, a reposición de firme onde sexa preciso, a recolocación de pedras en fábrica seca, a sinalización e equipamento de todo o percorrido, a creación de contido informático sobre a ruta e os elementos a visitar na páxina web oficial do Concello de Xinzo de Limia, a construción do miradoiro no punto máis alto da ruta, e tamén dunha zona de descanso no mesmo punto.

Sen expropiacións

O Concello quere destacar, a fin de dar tranquilidade ós vecinos que teñan propiedades no eido do percorrido desta ruta, que non se realizarán expropiacións de solo nin doutros dereitos a particulares.

  

O Concello de Xinzo saca a concurso a creación dunha ruta de sendeirismo