Esta mañá tivo lugar a inauguración do Christmas Camp, o campamento de Nadal en inglés organizado polo Concello de Xinzo de Limia no Pavillón de Deportes. A actividade, que se desenvolverá durante as vacacións escolares, está dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos e combina xogos, talleres e aprendizaxe da lingua inglesa, fomentando un ocio educativo e saudable.
A inauguración contou coa presenza do alcalde, Amador Díaz, e da concelleira de Igualdade, Saúde e Servizos Sociais, Ángeles Martínez, que destacaron a importancia desta iniciativa como apoio ás familias e como ferramenta para promover a igualdade de oportunidades. "Este campamento gratuíto é unha aposta novidosa polo ocio, a conciliación e a aprendizaxe en valores", afirmou Ángeles Martínez.
O Christmas Camp desenvolverase en horario de mañá, de 9:00 a 14:00, os días 23, 24, 26, 27, 30 e 31 de decembro e 2, 3 e 7 de xaneiro, con prazas limitadas para un máximo de 20 participantes. A actividade céntrase en fomentar o uso do inglés mediante dinámicas divertidas e creativas, ofrecendo unha experiencia educativa diferente e enriquecedora.