Esta mañá, a Casa da Cultura de Xinzo de Limia acolleu o seminario "Das mouras ás mámoas, das mámoas ás pedras sacras, das pedras sacras a troques douro... Do inmaterial ao material do patrimonio cultural de Xinzo", que forma parte do programa de formación para maiores de 50 anos impartido pola Universidade de Santiago de Compostela.
Esta sesión, dirixida por Carolina Casal, doutora en arte medieval pola USC, contou con 16 asistentes, entre os que se atopaban Elvira Lama, alcaldesa da vila, e os concelleiros Ramiro Rodríguez e José Alberto Martínez. A xornada, segundo comunicou a docente, xirou en torno "das mámoas ás mouras, do patrimonio cultural a través da lingua e da toponimia, e todo engarzado ata a época de Roma nesta terra".
A doutora explicou que isto foi unha presentación da evolución dende o paleolítico galego até o mundo castrexo; unha visión divulgativa, de todo ese coñecemento que temos dos xacementos arqueolóxicos que hai na zona da Limia, ata a incursión do Imperio Romano neste territorio.
"Hai que ter moi en conta o que é a toponimia e a lingua, e eu neste caso deixeime levar polas mouras para presentar este tema" sinalou Casal.
Carolina Casal, doutora en arte medieval pola USC, durante a xornada de hoxe.
Na sesión da tarde levarase a cabo unha ruta, da Pedra Alta de Antela aos Miliarios de Vilariño das Poldras, "para ver como realmente, as grandes rochas, tamén van cambiando de sentires, xa que poden ser dende instrumentos de medición de calendarios plumisolares, a pedras fitas que teñen unha dimension máxico-simbólica de rituais que se realizaron; pasando logo ó mundo de Roma, que é máis monetario e máis físico que metafísico. Como se converten realmente en valados publicitarios da Vía Nova que pasaba por estas terras", alegaba a docente.
Carolina Casal explicou que con esta visita preténdese pechar o contido de pola mañá, vendoo realmente ó aire libre, xa que o patrimonio condensado en imaxes está moi ben, pero velo á luz do día ou á luz da noite -xa que estas pedras tamén medían os ciclos solares- é mais interesante.