NOTICIAS A LIMIA | Alimagro ofrecerá degustacións todos os días
Na semana da pataca en Xinzo, o goberno municipal anunciou por fin o programa de Alimagro, a Feira da pataca e da maquinaria agrícola, que instalará os stands das empresas no pavillón de deportes e aos concesionarios de tractores no Toural a partir deste venres, día 2.
“Non quixemos restarlle protagonismo á Feira do Comercio e por iso adiamos a presentación até hoxe”, dixo esta mañá Amador Díaz, alcalde en funcións, a preguntas do Diario do Limia durante unha rolda de prensa na que estivo acompañado por Ramón Gómez, concelleiro de Urbanismo, e Manuel Pérez, concelleiro de Promoción Económica, e que se desenvolveu nunha finca sementada de patacas que non se recollerán antes dun mes.
Amador Díaz, organizador da Feira da pataca desde as súas responsabilidades como presidente da asociación de produtores e concelleiro de Medio Rural, falou amplamente sobre a situación do sector nun contexto de crise, as perspectivas da colleita (malas), os prezos (previsibelmente, máis altos) e mesmo sobre a necesidade de que chova; mais non aceptou preguntas sobre outros temas de actualidade como a data de apertura da piscina climatizada.
A respecto da Feira da pataca, Díaz avanzou que haberá degustacións gratuítas de produtos gastronómicos (tortilla, guiso e revolto de queixo con patacas, entre outras), cociña “en directo” cos cociñeiros, exhibición dunha xugada de vacas e exposición de tractores e outra maquinaria no Toural. “Témoslle que agradecer o esforzo aos concesionarios que traen os tractores, e iso non pasa xa noutras feiras do sector; e esperemos que atraían máis público ademais dos agricultores que xa sabemos que virán”, anotou Díaz.
Na semana da pataca, e dentro do marco da Feira, haberá unha xornada previa (o xoves día 1) de presentación de iniciativas innovadoras que se celebrará na Casa da Cultura. Entre as conferencias, que comezarán ás 10:30 horas, está programada unha sobre as zonas vulnerábeis á contaminación por nitratos. [O programa completo pódese consultar na imaxe ao final do texto].
A inauguración da Feira está prevista para as 12:00 horas do venres, xa coa presenza da alcaldesa, Elvira Lama, de regreso da súa viaxe coa Banda de Gaitas Xinzo de Limia.