A primeira fin de semana da festa arranca con pouca xente e un bo exemplo de civismo

NOTICIAS A LIMIA | O Petardazo anuncia un Entroido contido sen perder o sorriso

O Petardazo 2022 na praza Carlos Casares de Xinzo, este sábado. | FOTO: Noelia Caseiro

O Entroido, pleno, na rúa, está de volta. Dous anos despois Xinzo volve gozar da súa festa maior. O Petardazo inaugurou onte na praza Carlos Casares, cunha gran pantalla LED na fachada da Casa da Cultura, o ciclo deste ano. É un Entroido-en-covid, menos populoso, máis contido, pero igual de sentido. O Entroido adáptase as circunstancias, mais non cala nin deixa de bailar e brincar. 

A temperatura da noite axudou. O civisimo da mocidade quedou patente. Malia que as medidas de restrición se relaxaron moito nas últimas datas, a xente cumpriu. As máscaras levaban máscara, mozas e mozos compartiron grupos pequenos, a ameaza, quéirase ou non, está na cabeza de todas e todos. Mais o Entroido tamén está nos corazóns.

O Entroido adáptase (sempre) as circunstancias, e moitas veces está por riba delas.

E o Entroido é unha festa promiscua, falangueira e sen hora. Despegou o Petardazo sen chupinazo e soou Terra, ese berro das Tanxugueiras que se está a converter nun berro do noso, orgullo ferido. O Entroido adáptase (sempre) as circunstancias, e moitas veces está por riba delas.

A praza Carlos Casares non se encheu, a praza Maior tampouco, no casco vello había sitio dabondo para o paseo, mirar e ser visto e brincar, nos locais de hostalaría a xente entraba, pedía e, normalmente, saía. Iso aconteceu antes e despois do Petardazo, nesas primeiras horas claves para coñecer como vén este ano o Entroido.

E vén, parece, responsábel, cargado de respecto e sentimento, como di o slogan dos entroideiros de hoxe. A chamada á responsabilidade, parece, prendeu. O Entroido é unha festa tan pegada á xente, esa Terra do berro, que aos limiaos non lle sorprende esa adaptabilidade ás circunstancias. O Entroido sabe poñerse serio cando e preciso sen perder o sorriso.

 

Está de volta. Moderado, pero sen medo. Un exemplo de civismo e mostra que a mocidade (e os non tan mozos) pode facer a festa, manter as tradicións e entender o que pasa hoxe igual que hai corenta anos, ou oitenta anos. Haberá repute de contaxios? Probabelmente, porque a interrelación social disparouse e o virus aínda non se atallou. Mais a primeira fin de semana do Entroido-en-covid comezou da mellor maneira posíbel en covid. 

Un pouco ao gusto de todas: autoridades civís e sanitarias, mozas e mozos, entroiderios, hostaleiros, veciñas e veciños. Un pouco como querían todas, pero non todo. E non é pouco.