viernes. 27.12.2024

O Concello de Xinzo de Limia pediu a colaboración da Xunta de Galicia para desenvolver unha sesión informativa sobre conceptos básicos que figuran no recibo da luz “para a súa maior comprensión, ademais de para a adopción de decisións que poidan axudar no aforro”, segundo comunica o goberno local nunha nota de prensa este sábado.

O acto celebrarase o próximo luns, día 25 de abril, ás 16:00 horas no salón de plenos da Casa do Concello. E a charla será impartida polos técnicos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

“Que a factura da luz deixe de ser un documento indescifrable para os cidadáns. Este é o obxectivo que levou ao Concello de Xinzo de Limia a solicitar á Xunta de Galicia a posta en marcha dunha campaña informativa no municipio”, subliña o comunicado municipal, que explica en que no encontro ”aclararanse aos veciños e veciñas conceptos básicos que figuran no recibo para a súa mellor comprensión, ademais de para a adopción de decisións que poidan axudar no aforro”.

“Este último punto cobra especial importancia nun tempo no que o encarecemento da enerxía está afectando a moitas familias”, di a nota de prensa do goberno que preside Elvira Lama (PSOE). “O executivo local, consciente das trabas ás que deben enfrontarse moitos cidadáns ao descifrar a factura, solicitou que Xinzo de Limia fose un dos concellos nos que se levase a cabo a sesión”, engade.

NOTICIAS A LIMIA | A Xunta informará en Xinzo sobre o recibo da luz