“Que as condutas incívicas duns poucos non empanen o esforzo de moitos veciños por manter as rúas limpas", comeza un comunicado do Concello de Xinzo este luns. E informa que a alcaldesa, Elvira Lama, publicou un bando no que se recorda "que existen franxas horarias para o depósito de residuos no interior dos colectores".
“O depósito de lixo a horas que non está permitido, unido a o depósito por fora dos contedores, están xerando unha falta de hixiene nas rúas e nos pobos. Este comportamento incívico prexudica a imaxe do pobo e aos veciños e veciñas que si cumpren coas boas prácticas”, precisa a nota de prensa.
O goberno municipal explica que as fraccións de papel-cartón, vidro e envases lixeiros poderán depositarse en calquera horario, sempre que queden dentro do contedor.
O resto, polo seu contido de materia orgánica e líquidos, non poderá depositarse nin antes das 20:00 horas nin despois das 03:00 horas. O lixo debe permanecer dentro dos recipientes e en bolsas pechadas. As sancións por incumprir estas obrigas poden alcanzar os 900 euros.
Noutro bando, referido á recollida dos excrementos dos animais na rúa, o goberno local advirte que “o incumprimento pode supoñer multas de ata 500 euros”.
Ademais destes bandos, o Concello lembra que o decálogo de boas prácticas inclúe recomendacións sobre o uso dos colectores. Do mesmo xeito, recordarase que existen recipientes específicos para pilas ou roupa, ademais da dirección ou o contacto do Punto Limpo.