A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama (PSOE), aproveitou un acto esta mañá ás portas da Casa do Concello para pedir á veciñanza que concentre os seus esforzos de solidariedade con Ucraína achegando "medicamentos e alimentos, e tamén cueiros". Insistiu Lama en que "isto e o que máis nos demandan desde as organizacións de axuda humanitaria", e indicou que é a roupa de abrigo non é agora unha prioridade, "porque ocupa moitísimo volume nos transportes".
A alcaldesa dixo que o Concello de Xinzo -que desde o luns está recollendo material de axuda no local de Protección Civil no Multicentro e, tamén, nas oficinas da Casa do Concello- ten previsto realizar o primeiro envío "mañá ou o venres, a través dunha empresa de Vilagarcía que fará chegar o material até a fronteira ucraína con Polonia".
"Unimos a nosa voz ás que apreman ao dirixente ruso para que cese os ataques e a invasión do territorio ucraíno inmediatamente", dixo a alcaldesa dando lectura ao comunicado das federacións galega e estatal de municipios antes de que o público reunido esta mañá gardase cinco minutos de silencio.
"Apoiamos o labor da comunidade internacional por restablecer a paz e salvagadar a independencia de cada país", sinalou Lama, acompañada hoxe polos concelleiros Antonio Fernández (PP) e Ramón Gómez (AXIL). "Os ucraínos e as ucraínas poden contar coas entidades locais galegas e con este Concello, que estamos pendentes con gran preocupación e pesar do que están a sufrir", rematou.
VÍCTOR ENTREGA O MATERIAL DA PRAZA DE ABASTOS
Por outra banda, Víctor, froiteiro na praza de abastos de Xinzo, realizou hoxe o primeiro transporte do material de axuda que recolleron desde a semana pasada praceiras e praceiros do mercado limiao. Entregou roupa, alimentos, medicinas e material de hixiene na sede da Eurocidade en Feces de Abaixo.
O material achegado polas veciñas e veciños de Xinzo a través desta iniciativa viaxará até a cidade polaca de Ladek-Zdroj, que activou a alerta internacional a través da Asociación Europea de Cidades Termais Históricas (EHTTA), da que fai parte a Eurocidade Chaves-Verín.
ACTO NA DEPUTACIÓN
Tamén este mércores, cargos institucionais, representantes dos partidos políticos e traballadores da Deputación de Ourense participaron este mediodía nunha concentración silenciosa ás portas do Pazo Provincial, como mostra de solidariedade co pobo ucraíno.