O Concello de Xinzo de Limia acaba de iniciar unha relación de colaboración coa rede Acougo -Asociación Galega de Familias de Acollida- co obxectivo de mellorar e potenciar o acollemento de menores. Actualmente, a asociación non encontra moitas familias interesadas en acoller no concello limiá, pero confía que coas novas medidas de impulso a situación varíe.
Esta mañá reuníronse a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama e o concelleiro de Servicios Sociais, Alberto Martínez coa coordinadora de Acougo, Carmen Dourado, para establecer as primeiras liñas de actuación entre ambas partes.
O primeiro paso do plan darase coa axuda dos servizos sociais municipais para a identificación de familias de acollida. Neste caso, Acougo pretende levar a cabo unha charla informativa aberta a toda a cidadanía, adicada sobre todo a aquelas persoas de Xinzo que desexen acoller.
A asociación recorda que toda familia que estea interesada na acollida debe porse en contacto coa mesma para coñecer en detalle todo o proceso.